O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xustificou a ausencia da cidade e os seus proxectos culturais da listaxe de principais iniciativas recollidas no Observatorio da Cultura 2021 porque os promotores do devandito informe “non teñen a información do Concello” e non teñen en conta que Vigo ten “a máis importante rede de museos municipais” de España.
Así respondeu o rexedor a preguntas dos medios sobre ese informe, no que a cidade olívica figura no posto 26 de 34 cidades (Santiago está no 14 e A Coruña no 16), e non ten ningún centro cultural nin iniciativa entre as máis importantes de España. Nese observatorio si figuran eventos e institucións como o Teatro Rosalía de Castro (A Coruña), o CGAC, a Cidade da Cultura, o festival de Cans, o festival Sinsal, a feira Culturgal ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, entre outras.
Segundo Abel Caballero, os promotores do informe “non teñen a información” porque elaboran o Observatorio tendo en conta museos e centros culturais pero non iniciativas municipais, e Vigo ten “a máis importante rede de museos municipais de España de longo”.
De feito, recalcou que a acción cultural na cidade corre a cargo practicamente en exclusiva do Concello. “Nas capitais de provincia os museos páganos as Deputacións, en Galicia, en Santiago ou A Coruña, a Xunta, por iso temos que facer unha Biblioteca do Estado, queremos outras accións, pero a Xunta non as fai en Vigo, nós si”, aseverou.
ASCENSOR HALO
Por outra banda, na rolda de prensa o alcalde confirmou que este venres se aproba en xunta de goberno o proxecto do chamado ascensor HALO, que unirá a zona de García Barbón con Vía Norte e o centro Vialia, cunha pasarela circular elevada e outra pasarela sobre a autoestrada.
Segundo explicou Abel Caballero, o Concello xa conta con todos os informes sectoriais preceptivos, de modo que o próximo paso, tras a aprobación do proxecto, será a aprobación do prego e a licitación da obra (cara a finais deste mes), que conta cun orzamento de máis de 12,6 millóns de euros. “Xa está en marcha o proxecto de ascensor urbano máis importante do mundo. Vai mover a ducias de miles de persoas”, proclamou.