O alcalde de Vigo, Abel Caballero, urxiu á Xunta a “revisar” a normativa establecida para os establecementos de hostalaría debido á covid-19 e incidiu na necesidade de que este sector “recupere a normalidade” ante o avance da vacinación da poboación e a evolución da crise sanitaria.
Durante unha rolda de prensa celebrada este luns na cidade olívica, o rexedor insistiu en que este representa “un momento distinto da pandemia” a aquel no que se estableceron as restricións, polo que considerou que o Goberno galego debe adaptar a normativa vixente á situación actual. “(A Xunta) non pode ter unha normativa que implique unha maior dureza que en momentos nos que estabamos moi por encima de como estamos agora”, aseverou.
Neste sentido, preguntouse por que en Madrid, que rexistra unha incidencia acumulada de novos casos de covid-19 “moi superior” á de Vigo, “xa non hai limitacións”, mentres nesta última cidade permanecen vixentes.
Así as cousas, afirmou que o Executivo autonómico “ten que tomar nota do que están a facer noutras comunidades” e “outros lugares de España” e criticou a súa xestión, que ao seu xuízo, realiza “mal” e “xera tensións innecesarias”. “Imos á cola das medidas, e a economía é moi importante”, recalcou.
Abel Caballero incidiu na importancia de “normalizar ao máximo posible a hostalaría”, xa que, na súa opinión, representa “unha gran garantía” para evitar contaxios por covid-19, que “se producen en aglomeracións urbanas e botellóns” e afectan a “xente de moi pouca idade”.
Ante unha etapa de “nova normalidade” que achacou á vacinación da poboación de acordo coa estratexia do Goberno central, pediu á Xunta que “empece rapidamente a revisar a normativa que regula a hostalaría” dado que “é necesario que recupere a normalidade” coas correspondentes garantías sanitarias.
OCUPACIÓN HOTELEIRA
Noutra orde de cousas, o alcalde de Vigo indicou que esta fin de semana a ocupación hoteleira superou o 60% e situouse en torno ao 90% nalgúns hoteis da cidade, un dato que considerou “moi significativo”.
A este respecto, achacou o nivel de ocupación hoteleira rexistrado á gravación dunha película para Netflix na urbe olívica. Así, destacou que, no que vai de ano, Vigo acolleu os traballos de 21 producións, unha cifra que se elevou a 26 durante o pasado ano.