InicioSociedadeAprobado o proxecto para ampliar a potabilizadora do Casal, que pagará Aqualia

Aprobado o proxecto para ampliar a potabilizadora do Casal, que pagará Aqualia

Abel Caballero censura que a Xunta non poña "nin un céntimo" a pesar de que a planta dá servizo a outros municipios.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde este venres ao proxecto de ampliación e modernización da estación potabilizadora (ETAP) do Casal, para ampliar de 900 a 2.200 litros por segundo o seu volume de tratamento, e cun investimento de 22,8 millóns de euros, que asumirá a concesionaria do abastecemento e saneamento, Aqualia (en virtude do plan de investimentos derivado da prórroga da concesión).

Así o confirmou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen asegurou que ese investimento non repercutirá no que pagan os vigueses polo servizo. “Non sobe o recibo nin un céntimo”, aseverou.

O rexedor avanzou que as obras estarán terminadas e a nova ETAP traballará “a pleno rendemento” no verán de 2023, e lembrou que esta infraestrutura hidráulica, construída nos anos 70, necesita unha reforma integral para facer fronte á demanda futura e para adaptala ao novo marco normativo vixente.

A obra, que permitirá aumentar “aínda máis” a calidade da auga de Vigo, contempla instalar un novo sistema de potabilización baseado na ultrafiltración, que ademais axuda a reducir os requirimentos de espazo na planta.

A mesma parcela pasará a acoller novas liñas de tratamento de augas e de lodos, un novo edificio de dúas alturas e planta circular para os sistemas de filtración (as chamadas piscinas estarán cubertas) e un novo inmoble de tres alturas para os reactivos. O lugar que actualmente ocupa o laboratorio será reacondicionado como taller, sala de control e arquivo, aínda que se conservará o espazo para as analíticas.

PROBLEMA DA AUGA “RESOLTO PARA TODO O SÉCULO XXI”

O alcalde afirmou que esta obra se complementa co estudo de abastecemento de auga para a área de Vigo, e celebrou que se está avanzando no “deseño do tratamento da auga de todo o século”. “Eu asumira o compromiso de que, sendo alcalde, ía resolver o problema da auga de Vigo para todo o século XXI, e vou deixar resolto o problema da auga para todo o século XXI”, proclamou.

Por outra banda, Caballero censurou que a Xunta tardase “máis de 15 meses” en dar o visto e prace ao proxecto para a nova ETAP, a pesar de que “a lei di que teñen que emitir informe en tres meses”. “Atrasárono de mala fe”, denunciou.

Así mesmo, o rexedor incidiu en que esta planta é “de carácter supramunicipal, xa que dá servizo a uns 90.000 habitantes doutros concellos, ademais de Vigo. Respecto diso, recalcou que “a obrigación e a competencia” na materia é da Xunta, que “non pon nin un céntimo” á modernización da ETAP do Casal.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Salvar a Ría de Vigo e recuperar a saude pública

Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo...

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Un veciño de Vigo recibirá máis de 12.000 euros tras caer nunha escaleira mollada sen sinalización

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...