InicioVigo e contornaUnha tese da UVigo defende os beneficios do galego na educación infantil

Unha tese da UVigo defende os beneficios do galego na educación infantil

A investigación nega que a aprendizaxe de dúas linguas xere confusión na cativada: "o castelán non o perderán nunca, e é o noso deber empurrar o galego".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha tese elaborada no marco da UVigo defende os beneficios de alfabetizar a cativada en galego mesmo en contornas castelanfalantes. Esa é a conclusión do traballo desenvolto pola xa doutora en Estudos Lingüísticos Marta Díaz, que nos últimos anos  desenvolveu un extenso traballo etnográfico sobre o vínculo entre o galego e a ensinanza tomando como base unha aula de educación infantil da área de Navia, en Vigo.

Segundo apunta a investigadora, decidiu escoller unha aula desta área –en particular do centro Alfonso D. Rodríguez Castelao– en tanto que se trata dunha das zonas máis castelanizadas da cidade olívica. A conclusión do traballo é que os primeiros anos de escolarización son chave para a adquisición de idiomas porque a rapazada “non etiqueta” as linguas e a aprendizaxe é “natural e espontánea”.

“Para eles son formas de comunicación, independentemente do código empregado”, apunta a investigadora, que no seu traballo con estes 25 rapaces da área viguesa tirou como conclusión a importancia de que o achegamento á lingua se desenvolva de xeito máis amplo e natural, e “non só nun número reducido de materias, como sucede cando inician a educación primaria”.

Con todo, o estudo –titulado Socialización bilingüe infantil nunha escola de Vigo (Galicia). Estudo lonxitudinal de nenos de 4 e 5 anos de contornas familiares castelán-falantes alfabetizados en galego: análise etnográfico-interaccional das prácticas alfabetizadoras na aul— incide na importancia de que o galego estea presente no marco da escolarización infantil, xa que o castelán, pola súa calidade de “lingua maioritaria”, “non o perderán nunca e é o noso labor defender e empurrar o galego, é a nosa obriga e o que lle debemos”.

DESBOTAR”FALSAS CRENZAS”

O estudo desenvolveuse ao longo de dous cursos escolares nos que a investigadora acudiu a diferentes sesións das aulas de 4 e 5 anos e, tomando como mostra un grupo de 25 alumnas e alumnos, examinou as súas rutinas, levou a cabo gravacións de son, tomou notas etnográficas e realizou fotografías dos espazos e das actividades. 

Como posible aplicación práctica da tese, a autora vén de suxerir a creación dun “manual de pragmática” sobre o uso do galego na etapa da educación infantil. Noutras palabras, “un manual de prácticas para socializar aos nenos e nenas empregando como lingua vehicular o galego”. O obxectivo pasaría por desbotar “falsas crenzas existentes na sociedade”, como “a idea de que aprender dous idiomas de xeito simultáneo pode xerar confusión na cativada ou que aprender lingua galega pode ser negativo nas seguintes etapas educativas”. 

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...