InicioPolíticaManuel Reigosa, novo reitor da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa, novo reitor da Universidade de Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

O catedrático de Fisioloxía Vexetal, Manuel Reigosa, foi elixido este luns novo reitor da Universidade de Vigo, con máis de 2.480 votos, e un respaldo maioritario dos estudantes, impóndose ao outro candidato, Emilio Fernández, que logrou algo máis de 1.600 apoios, segundo fixo público a Universidade cun 96 por cento do escrutinio realizado.

Das máis de 20.200 persoas con dereito a voto, acudiron ás urnas instaladas nos tres campus só algo máis de 4.100, e a participación maior rexistrouse entre os docentes, especialmente os profesores doutores con vinculación permanente á institución académica.

O voto para elixir o reitor ou reitora é ponderado por sectores, e corresponde un 51 por cento ao profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade; un 9 por cento ao resto de persoal docente e investigador; un 30 por cento ao alumnado; e un 10 por cento ao persoal de administración e servizos.

Reigosa foi o aspirante máis votado tanto polos docentes como polo persoal de administración e servizos e, sobre todo, polos estudantes. Os apoios por parte do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade estiveron repartidos de forma equilibrada entre os dous candidatos e a diferenza a favor de Reigosa entre o resto de docentes non foi moi grande; no entanto, a balanza inclínase rotundamente ao seu favor no caso do PAS e, sobre todo, dos alumnos.

‘A UNIVERSIDADE DAS PERSOAS’

Reigosa, que xa desempeñou labores de vicerreitor durante o mandato de Alberto Gago, exerceu unha oposición crítica co equipo de goberno saínte, liderado por Salustiano Mato, e presentouse nesta contenda electoral esgrimindo o lema de ‘A universidade das persoas’.

Este catedrático baseou o seu programa na necesidade de investir “máis en persoas e menos en ladrillo”, coa vista posta no “horizonte 2040” e con varios eixos estratéxicos: o compromiso de maior contratación, reducir a carga docente, a captación de alumnado en paises iberoamericanos ou a revisión de proxectos herdados que “necesitan un xiro”.

O seu equipo complétase con Miguel Ángel Michinel (secretario xeral), Jorge Genaro Soto (vicerreitor do campus de Pontevedra), María Esther de Blas (vicerreitora do campus de Ourense), José María Martín (vicerreitor de Economía), Natalia Caparrini (vicerreitora de Capatación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria) ou María Belén Rubio (vicerreitora de Investigación), entre outros.

PARABÉNS

O reitor saínte da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, déulle parabéns a Reigosa, e, en alusión a que este baseou a súa campaña en cambiar a xestión actual, Mato considerou que a pesares diso Reigosa está “de acordo co modelo xeral da universidade” e o cambio proposto céntrase en “cuestións concretas”.

Nunha rolda de prensa este martes, Mato remarcou que “xa non hai unha confrontación de modelos no sentido global”, porque “todos están de acordo co modelo” implantado, e considerou que as discusións entre os candidatos durante a campaña estiveron “máis unidas ás miradas sobre como facer determinado tipo de cousas”, como a burocracia e a adicación do profesorado.

“Non se está cuestionando o modelo, senón tería ao longo destes anos unha oposición real”, manifestou o reitor, que neste sentido apuntou que a proposta de ‘cambio’ do candidato elixido enténdea como “cousas propias da campaña, como parte do discurso para conseguir confianza coa comunidade universitaria”.

Así as cousas, desexou “o mellor” ao proxecto de Reigosa, porque “o mellor para el e o seu equipo será o mellor para a universidade”; e avanzou que unha vez que os resultados sexan confirmados ambos elaborarán unha axenda de traballo para levar a cabo a substitución sen “perder nin un segundo”. “Non está todo feito, hai que seguir sachando”, rematou.

BALANCE E FUTURO

Aínda que descartou entrar a facer un balance pormenorizado sobre a súa xestión, si que mantivo que “cumpriu ao 100 por cen” o programa electoral que presentou ás dúas eleccións nas que foi como candidato, e que non fixo “nada que non prometese, gustase ou non gustase”. “O que prometín é o que expuxen, iso non ten discusión”, selou.

Respecto dun posible salto á política, Salustiano Mato comentou que “hai que valorar”, pero en todo caso “depende das plataformas políticas” e non del. “Non estou a facer carreira dentro de ningún partido e nunca o fixen; todos os cargos que ocupei solicitóuseme que me presentase, en ningún caso fixen un traballo individual ou propio para ser candidato de nada”, aclarou.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...

O TS confirma a sentenza contra Stellantis que recoñece o dereito dunha traballadora á conciliación

O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...