InicioVal MiñorBaionaMáis de 1.300 estudantes de 17 centros se achegaron ao mundo da...

Máis de 1.300 estudantes de 17 centros se achegaron ao mundo da ciencia da man da Noite galega das persoas investigadoras

Os participantes achegáronse a distintos ámbitos científicos, desde o 5G, ata a historia evolutiva do cancro, pasando polas matemáticas aplicadas á covid, as nanopartículas plasmónicas e a visión infravermella.

PUBLICADO O

De xeito presencial ou virtual. En sesións de mañá ou de tarde. En grupos de pouco máis dunha decena ou que superan os 60 participantes. Desde o 2 de xuño máis de 1300 estudantes de 17 centros de primaria, secundaria, FP e bacharelato das provincias de Pontevedra e Ourense participaron nas preto de 60 actividades, programadas para darlles a coñecer a Noite galega das persoas investigadoras, que terá lugar, coordinada pola Universidade de Vigo e coa colaboración dunha decena de institucións galegas, o vindeiro 24 de setembro.

Dezaoito investigadoras e investigadores responsables e outros cinco colaboradores, dos tres campus da UVigo, foron as persoas encargadas de desenvolver as actividades que achegaron ao alumnado ao mundo da ciencia dun xeito lúdico e sinxelo, ao tempo que descubrían a celebración da G-Night. “Estamos moi agradecidas coa implicación do persoal investigador e coa elevada participación por parte dos centros educativos da nosa contorna, a pesar das dificultades e restricións que implica a pandemia. Sabemos que os centros quedaron encantados co resultado dos obradoiros e a rapazada aprendeu moito sobre o traballo que se realiza na Universidade nun ambiente lúdico”, comenta a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.

As actividades previas á G-Night arrincaron nas cidades de Ourense e Vigo, pero Mos, Baiona, Tomiño, Ponte Caldelas, Nigrán, Caldas de Reis, Redondela e Viana do Bolo completan o mapa de concellos no que se localizan os centros nos que se desenvolveron as actividades que abranguen temáticas relacionadas cos cinco ámbitos do coñecemento, desde o 5G, ata a historia evolutiva do cancro, pasando polas
matemáticas aplicadas á covid, as nanopartículas plasmónicas e a visión infravermella.

 

Cartel da  noite europea das persoas investigadoras/UVigo

ESPERTANDO VOCACIÓNS CIENTÍFICAS
No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras regresará este outono a Galicia coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo do evento, que se desenvolverá baixo o lema Conciencias creativas.

A G-Night encherá o 24 de setembro as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo, e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as científicas e os científicos, así como a importancia desta actividade na sociedade .“Con este anticipo nos centros escolares, o alumnado coñeceu o tipo de actividades que se van desenvolver nas rúas, nas prazas, etc ese día. O maior valor é conectar cun público no que se pretende espertar vocación científica e que tamén participe de xeito activo, primeiro nestes preeventos, e logo, o día de celebración da G-Night”, sinala Mónica Valderrama, que lles agradece ás investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo a súa participación nos eventos que este mes se desenvolveron nos centros de ensino. 


Financiado con de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as universidade de Santiago de Compostela e da Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e do Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran o consorcio, coordinado pola UVigo, que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras, que, ademais de nas cidades galegas, se celebrará de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...