InicioSociedadeO Concello limpará case mil leiras para reducir o risco de incendio...

O Concello limpará case mil leiras para reducir o risco de incendio e critica que non o faga a Xunta

O goberno galego lembra que o prevé unha lei aprobada polo bipartido e que Vigo non se sumou ao convenio de protección.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns que o Concello iniciará esta semana a limpeza de 960 leiras particulares para reducir o risco de incendios, cun custo de 70.000 euros, e criticou que a Xunta non se faga cargo desa actuación.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico explicou que os donos desas parcelas foron advertidos para acometer a súa limpeza e que, transcorrido o prazo sen que actuasen, o fará o Concello de forma subsidiaria, coa previsión de ter os traballos terminados “nun mes e medio ou dous meses”.

“Quen tiña que facelo é a Xunta”, denunciou Caballero, que lamentou que haxa que “gastar o diñeiro de Vigo” nunha tarefa que debe acometer a administración autonómica. “É a Xunta abusando unha vez máis da cidade”, engadiu.

Estas leiras atópanse, total ou parcialmente, incluídas na rede de franxas secundarias de xestión da biomasa, e suman máis de medio millón de metros cadrados de superficie en diferentes zonas. Así, a maior parte de parcelas atópanse nas parroquias de Bembrive, Coruxo, Cabral, Oia, Lavadores ou Valadares.

RESPOSTA DA XUNTA

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, saíu ao paso das declaracións do alcalde lembrando que a responsabilidade subsidiaria da limpeza desas franxas por parte dos concellos está recollida na lei de incendios que aprobou no seu día o bipartito.

A norma establece que é obrigación dos propietarios acometer esa limpeza e que, pasado o prazo para facer esa roza (o 31 de maio), deben levala a cabo as administracións locais de forma subsidiaria.

Respecto diso, tamén apuntou que a Xunta, “consciente” de que algúns municipios poderían ter dificultades para facerse cargo desas tarefas, implementou un convenio de protección das aldeas para axudar aos concellos neses labores de limpeza.

Neste momento, hai adheridos a ese acordo 269 concellos galegos, o 80 por cento, pero “Vigo non está sumado, a pesar de ser un dos máis afectados os incendios de 2017”. “É paradoxal que Vigo reclame á Xunta a limpeza das franxas secundarias cando non se sumou a un convenio que non lle custa nada aos concellos e cando en 2019 tiña unha parroquia de ‘alta actividade incendiaria’, como é a de Zamáns”, criticou Fernández-Tapias.

Finalmente, a delegada da Xunta fixo un chamamento ao rexedor para “que cumpra o establecido na lei de incendios e deixe de botar balóns fóra e de acusar sen fundamento en asuntos que son da súa competencia”. Así mesmo, reclamoulle que se una ao convenio de protección das aldeas para “protexer aos vigueses e os seus bens en caso producirse incendios forestais”.

ÚLTIMAS

PP e BNG emendan a ordenanza das Zonas de Baixas Emisións de Vigo: uns piden atrasar multas e outros devolver o texto

Os grupos municipais da oposición no Concello de Vigo presentaron as súas emendas ao...

Tres detidos por abandonar a un home ferido nunha cuneta en Moaña

A Policía Nacional detivo nas últimas horas a tres persoas supostamente relacionadas coa aparición...

Un SMS falso acaba nunha estafa de 140.000 euros. Así é a estafa intervida pola Garda Civil no Porriño

O Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da...

O persoal do lixo de Vigo convoca folga indefinida a partir do 24 de maio

O comité de persoal de FCC (CIG, CC.OO. e USO), concesionaria do servizo de...