InicioSociedadePP e BNG emendan a ordenanza das Zonas de Baixas Emisións de...

PP e BNG emendan a ordenanza das Zonas de Baixas Emisións de Vigo: uns piden atrasar multas e outros devolver o texto

Os populares propoñen máis prazo antes das sancións e exencións por renda, mentres o Bloque rexeita o modelo de Abel Caballero por consideralo “fracasado” ambientalmente e “inxusto” socialmente.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os grupos municipais da oposición no Concello de Vigo presentaron as súas emendas ao proxecto de ordenanza das Zonas de Baixas Emisións —ZBE—. Mentres o PP propón cambios para atrasar o pagamento de sancións ou establecer exencións, o BNG pide a devolución do texto por responder, ao seu xuízo, a un modelo “fracasado e inxusto”. A portavoz do PP, Luisa Sánchez, propuxo que o prazo para pagar as multas “se retrase o máximo posible” e que se inclúan exencións na ordenanza vinculadas ao nivel de renda. “Solicitamos que se amplíe a 18 meses o réxime de aplicación atenuado de cada unha das tres fases de implantación das zonas para atrasar ao máximo posible a aplicación do réxime sancionador, en suma, as multas”, explicou.

O PP PIDE EXENCIÓNS POR RENDA E MÁIS INFORMACIÓN

Co obxectivo de evitar discriminacións sobre as rendas máis baixas, outra das sete emendas presentadas polo grupo municipal do PP contempla a creación dunha autorización anual de acceso, renovable, destinada a condutores con menos recursos económicos, tal e como xa sucede en Barcelona. O PP de Vigo solicitará tamén que o sistema de autorizacións estea operativo en canto se activen as restricións, xa que a ordenanza contempla que poida atrasarse ata dous meses despois da posta en marcha das ZBE. Ademais, os populares piden habilitar un teléfono de información e unha oficina de atención presencial no Concello.

“O goberno de Abel Caballero leva catro anos tramitando unhas Zonas de Baixas Emisións deseñadas e desenvolvidas na opacidade”, criticou Luisa Sánchez. A portavoz popular advertiu de que a ordenanza, actualmente en trámite, ten “importantes carencias e deficiencias que convén corrixir para evitar que as consecuencias sexan aínda maiores”. Unha das críticas do PP é que a posta en marcha deste proxecto non veña acompañada de medidas complementarias, como o reforzo e mellora do servizo de transporte urbano, con máis liñas e frecuencia. Así mesmo, o grupo popular reclamou a redacción dun novo Plan Municipal de Mobilidade Sostible, xa que o actual data de 2014 e nel non se recollen as ZBE.

O BNG PIDE DEVOLVER O PROXECTO

O grupo municipal do BNG, pola súa banda, pediu a devolución do proxecto, rexistrando unha emenda á totalidade por considerar que “insiste nun modelo fracasado a nivel ambiental e socialmente inxusto”. “O reto non é substituír vehículos de combustión por coches híbridos ou eléctricos, que son inaccesibles para a ampla maioría social”, advertiu o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas. O BNG aposta por un modelo “que ofreza alternativas aos vigueses para que deixe de ser obrigado o uso do coche particular” na cidade. Fronte ao sistema de catro perímetros restrinxidos e con multas proposto na ordenanza, que o Bloque cualifica como “unha mala copia de Madrid Central”, os nacionalistas propoñen que toda a cidade sexa unha ZBE, pero sen restricións nin sancións.

O modelo defendido polo BNG estaría apoiado en melloras do transporte público, da mobilidade peonil e do uso da bicicleta ou do patinete. “Estamos a tempo de evitar un novo erro e de sentar as bases dun modelo de cidade que confronte de verdade a situación de emerxencia climática”, advertiu Pérez Igrexas, que reivindicou un Vigo “máis verde, seguro e habitable”. Finalmente, o BNG solicitou a revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e a apertura “dun proceso participativo” coa convocatoria dos consellos sectoriais municipais de Transportes, Medio Ambiente e Accesibilidade.

ÚLTIMAS

A Xunta outorga ao Concello de Vigo unha concesión de ocupación para a recuperación ambiental da praia de Ou Vao

A Xunta outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados...

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...

Afectados polo PIA do Ofimático de Vigo piden á Xunta que paralice a “trampa” das expropiacións

Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo...