Hai 7.000 pisos construídos sen vender en Vigo. Pero iso non significa que o novo proxecto do Barrio do Cura, retomado tralo fracaso de Valeri Karpin fai anos co estalido da burbulla inmobiliaria, deixe de ser a compra máis “prometedora” que os fondos de inversión puideron facer na cidade olívica.
Unha zona de Vigo hoxe moi degradada ou directamente en ruínas (o asilo, a Panificadora…), pero con vistas ao mar e a 3 minutos camiñando dos comercios de Príncipe ou da Porta do Sol.
Ou sexa: este barrio pode converterse sen problemas, sempre no caso de contar co presuposto suficiente, en bloques de edificios de súper luxo e 9 alturas. A ubicación é excelsa.
Este futuro cambio de 360º no mapa de Vigo e o comezo das obras deixan moitas historias que contar, entre elas a da “comuna” de gatos que viven nesa zona, unha entre as moitas que hai en Vigo, cos animaliños sobrevivindo grazas a ducias de coidadoras (adoitan ser mulleres).
Falamos coa encargada de coidalos e subministrarlles comida: “O outro día vin que estaban medindo o terreo e pregunteille ao topópgrafo. Contestoume que comezarían a derrubar dentro de 2 meses”.
A conversación foi o último venres, pero este mércores xa arrasaran con parte dos terreos. Rozaron, meteron unha grúa e maquinaria da construción: “Chego e vexo esta desfeita. Teño que vir soa a ver se aparecen, só me coñecen a min e escapan aos demais, teñen medo á xente”.
Esta muller non pode deixar de pensar en como o estarán pasando, “e eu peor que eles”, asegura: “Se mo din a pasada semana, con antelación… polo menos avisar. Agora que facemos se marcharon? Ti sabes o terror que supón para eles unha maquinaria como esta, co ruído que fai?”
Son seis gatiños, foron moitos máis. Leva 2 décadas coidando desta comuna: “En Vigo maltrátase moito aos animais… Igual non os volvo a ver”.
Por outra banda, Amparo (membro do Proyecto Gato, onde está encargada dos rescates e urxencias, e coidadora doutro grupo de felinos) amósanos a importancia de esterilizar aos gatos e reducir os grupos, porque sofren moito e dificilmente sobreviven.
Resume así a situación: “Cada vez hai menos sitio para os gatos nesta cidade, e ocorren desgrazas. Son maltratados, como o gato de Gondomar que foi fusilado por puro entretemento. Os gatos mansos non poden vivir entre a xente, porque é moi mala. Danlles patadas. Eu vin como “persoas” deixaban parapléxicos gatos pateándoos”.
Na súa comuna houbo máis de 100 gatos, agora case non chegan nin a 30. Os gatos non poden sobrevivir en Vigo sen axuda, asegura: “Un gato de que se alimenta? Onde o atopa?”
Amparo estaba no paro e de súpeto atopou esta vocación de solidariedade. E teno claro: se os gatos da nosa cidade non son alimentados, morren.