InicioSociedadeA UVigo presenta o UM18 co eloxio do alcalde: "Sodes o mellor...

A UVigo presenta o UM18 co eloxio do alcalde: “Sodes o mellor equipo investigador do mundo”

PUBLICADO O

A menos dunha semana para a súa estrea no circuíto de Assen, Holanda, o monopraza de Uvigo Motorsport presentouse publicamente este mércores no campus vigués. A partir do luns 9 o equipo de estudantes da Universidade de Vigo testará a cuarta xeración do coche, o UM18, desde que comezaron a competir en Formula Student en 2015.

Acompañados polo reitor da Universidade, o alcalde de Vigo, a delegada do Goberno na Zona Franca de Vigo, o presidente do Consello Social da Universidade e o director da EE Industrial descubriron o segredo mellor gardado, un monopraza que presenta destacadas melloras respecto ao seu predecesor, o UM17, como a nova aero activa do alerón dianteiro e máis o sistema de cambio pneumático, todo isto propulsado por un motor Kawasaki ER6-n 650cc.

María Couso, team leader de Uvigo Motorsport/ Duvi

Entre os días 9 ao 12 deste mes o UM18 someterase á súa primeira proba real en pista, no circuíto de Assen, en Holanda, cara a onde parte esta tarde en camión, mentres que o equipo viaxará o sábado. A segunda carreira que disputarán será entre o 21 e o 26 de agosto en Montmeló.

O éxito da colaboración e a sinerxía

O equipo deste ano está formado por 26 estudantes, procedentes das escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación. Ao longo da temporada consolidaron e mesmo ampliaron a súa rede de apoio do tecido industrial e institucional, con máis de 60 empresas e organismos, que lles brindaron axuda tanto no deseño e fabricación de pezas como coa achega de recursos e de formación.

Agora, tras nove meses de traballo compaxinado cos estudos e co coche xa rematado, chegou o momento dos agradecementos. María Couso, team leader de Uvigo Motorsport, destacou o traballo feito polas institucións e empresas patrocinadoras e deu as grazas polo “esforzo e colaboración ano tras ano, sen o voso apoio isto non sería posible”.

Foto de familia/ Duvi

En nome de todo o equipo tamén tivo palabras de agradecemento para profesora que coordina o proxecto, Ana Mejías, e para a Escola de Enxeñería Industrial “por seguir confiando en nós e por axudarnos dende hai catro anos, porque o que moitos crían que era una loucura, hoxe segue crecendo, evolucionando e mellorando no seo desta escola, á que todos xa consideramos a nosa casa”.

O director do centro, Juan Pardo, tamén resaltou o apoio dos colaboradores, “porque máis aló da axuda material e económica, o máis importante é a convicción de crer nesta idea, nesta ilusión que hoxe é xa unha realidade”.

Para a escola é “un proxecto importante que sempre acollemos con moito entusiasmo, unha maneira de completar o proceso formativo do alumnado”, remarcaba. O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, que asistiu ao acto de presentación acompañado por case todo o equipo de Goberno, agradeceu o apoio empresarial e social prestado a esta iniciativa e remarcou a importancia da colaboración público-privada e institucional.

Cualificou esta iniciativa de “proxecto estrela que nos sirve para amosar a marca Uvigo” e expresou o seu desexo de que “nazan máis proxectos coma este, que sexan permeables e que involucren a máis centros”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembraba que hai catro anos, cando botou a andar o Uvigo Motorsport, semellaba “un soño utópico e hoxe fixéstelo posible” e poñía este tipo de proxectos como un exemplo dun “xeito de entender a Universidade e a investigación” e desexoulles a mellor das sortes porque “sodes o mellor equipo investigador do mundo, porque estades na mellor universidade do mundo, da mellor cidade do mundo, que é Vigo”.

Juan E. Pardo poñendo o autocolante co logotipo da escola no monopraza/ Duvi

Pola súa banda, Teresa Pedrosa, delegada do Goberno na Zona Franca de Vigo, aliado estratéxico do equipo, definiuno como “un dos proxectos máis ilusionantes que se fan en Vigo” pero quixo destacar por riba de todo que se trata dunha iniciativa liderada por dúas mulleres: Couso como líder do equipo e Mejías como docente responsable.

Este é “un exemplo a seguir nun momento no que todos estamos predicando para que as mulleres se incorporen máis ás carreiras tecnolóxicas”, xa que tan só o 20% das alumnas universitarias optan por este ámbito”.

Primeiro reto, Assen

O UM18 é un monopraza que nace aprendendo dos erros dos seus antecesores. Como explica María Couso “intentamos solucionar problemas das temporadas pasadas, mellorando o sistema propulsor e a refrixeración do motor, aspectos que foron os que nos deron máis problemas o ano pasado”.

O coche tamén presenta melloras no eido da electrónica, cun sistema de telemetrías en tempo real, e no da aerodinámica, algo do que “estamos moi orgullos porque axuda a mellorar tanto o sistema de refrixeración do motor como a velocidade, o rendemento en curva e a condución do piloto”.

O coche parte en camión hoxe mesmo cara Holanda, o equipo sae o sábado e  competición comeza o luns coas probas estáticas que como explica Couso son “design, cost business, que consisten na xustificación de costes, deseño e plan de negocio”.

A seguinte fase é a inspección técnica e de seguridade do coche, que realiza un grupo de expertos, tras o cal comezan as probas dinámicas, nas que o UM18 será pilotado por Hugo Caride, compoñente de Uvigo Motorsport.

Para este ano, Couso recoñece que teñen un reto claro: a proba de endurance. “O ano pasado foi o primeiro no que competimos en todas as probas dinámicas e quedamos ás portas de rematar o endurance por problemas de refrixeración”.

Rematar este test supón obter 325 puntos dos 1000 totais da competición, “ese é o noso obxectivo e con este coche e todo o que aprendemos de anos pasado confiamos en poder facelo” relataba Couso. E é que tras catro anos contan xa cunha ampla experiencia tanto no deseño como na construción, “fallou todo o que podía fallar e agora debería de funcionar todo ben”.

A segunda das probas nas que competirán este ano será en Montmeló do 21 ao 26 de agosto, o que lles permite, segundo a team leader, ter marxe de tempo suficiente para facer cambios no monopraza de ser preciso.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...