InicioCulturaAntipático, xeneroso, serio, burlón, culto, esaxerado... como foi Quevedo?

Antipático, xeneroso, serio, burlón, culto, esaxerado… como foi Quevedo?

PUBLICADO O

- Advertisement -

En 2016 botaba a andar o proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía La recepción póstuma de Quevedo, co profesor da Universidade de Vigo Manuel Ángel Candelas Colodrón como investigador principal.

O obxectivo era unir especialistas internacionais nun mesmo foro para analizar a evolución da imaxe sobre o autor e a súa obra a través dos séculos, así como o seu impacto nos outros escritores posteriores.

Tras máis de dous anos de traballo, e a seis meses de que conclúa o proxecto, esta semana celébrase en Vigo o congreso Quevediana2018 coa finalidade de presentar algúns dos resultados e, ao mesmo tempo, “que outros expertos e expertas nos acheguen os seus coñecementos e estudos” sobre un dos autores máis destacados da literatura española, coñecido principalmente pola súa poética.

Ademais, como explica o profesor Candelas Colodrón, do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, “queremos aproveitar para tratar de establecer unha rede con estudos de Quevedo de todo o mundo, máis aló dos que participan no proxecto” para evitar a atomización que existe neste eido que non facilita a permeabilidade do coñecemento.

Neste simposio participan 20 especialistas de Italia, Noruega, EEUU, Suíza, Alemaña, Francia e España, concretamente das universidades de Milán, Tromsø, Cincinnati, Salerno, Nuechâtel, Heidelberg, Huelva, Nova York, Orleans, Sevilla, Alcalá, Washington, Nápoles, Lille, Córdoba, Santiago de Compostela, Autónoma de Madrid, Siena, Pisa, Jaén, Múnich e Vigo.

Quevedo, máis aló dos estereotipos

No acto inaugural do congreso, que tivo lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, Mª Isabel Doval, e o decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, déronlle a benvida aos participantes, animándoos a divulgar e dar a coñecer os resultados das súas investigacións para que transcendan o eido universitario.

Pola súa banda, o director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, José Montero, remarcou a necesidade de afondar na figura de Quevedo para que a sociedade coñeza algo máis ca “un home antipático, serio, antigo, esaxerado e ao que lle gustaba burlarse”, para que poidan ver a un Quevedo “culto, influínte, xeneroso, satírico dos costumes dunha época…”.

Segundo explicaba, “pasan os séculos e a imaxe de Quevedo segue sendo a mesma, por iso son necesarias iniciativas coma esta que estuden a recepción de Quevedo a través do tempo” e que permitan velo “non só como o excelentísimo poeta e prosista que é, senón tamén que a súa imaxe transcenda os estereotipos”.

O congreso desenvólvese entre dúas sedes, esta mañá de mércores foi no campus vigués e dende esta tarde e ata o venres na sede de Afundación, en Vigo. Ao longo das tres xornadas abordaranse temas como a recepción en autores case contemporáneos a Quevedo, en forma de traducións, en particular ao italiano, en lectores do século XVIII e os problemas de censura, nas edicións modernas, en autores españois da guerra e a posguerra, como Alberti, Luis Alberto de Cuenca ou en Goytisolo.

En resumo, destaca o profesor Candelas, “en todas as épocas e en todas as ordes da literatura e incluso da historia ou o pensamento”.

O relatorio inaugural, que ía impartir Lía Schwartz, da Graduate Center of the City University of New York, sobre a tradición do quevedismo, quedou adiado por problemas de saúde da conferenciante, que intervirá de xeito virtual. Foi Samuel Fasquel, da Université d’Orléans, o encargado de abrir o simposio cunha aproximación á presencia de Tertuliano na prosa de Quevedo.

Tres anos de proxecto

O proxecto La recepción póstuma de Quevedo está coordinado pola Universidade de Vigo e nel están involucrados investigadores e investigadoras de Italia, EEUU e Galicia, como son Federica Cappelli, Università degli Studi di Pisa; Beatrice Garzelli, Università per Stranieri di Siena; Flavia Gherardi, Università degli Studi di Napoli, Federico II; Jesús González Maestro, Universidade de Vigo; Carlos M. Gutiérrez, University of Cincinnati; Lía Schwartz, Graduate Center of New York e Manuel Ángel Candelas Colodrón, Universidade de Vigo.

No transcurso do congreso presentaranse as conclusión dalgunhas das liñas de traballo destes especialistas, como por exemplo a edición crítica da obra dun autor sardo, José Delitala y Castelví, que segundo os expertos Candelas e Gherardi “imitaba a Quevedo”.

Tamén esta tarde se presentará un cancioneiro inédito que está na Biblioteca Nacional de Nápoles, cuxo autor “cremos que pode ser o mesmo Delitala”, segundo Candelas, que explica que nese texto hai poemas que teñen que ver con Quevedo e unha relación directa co autor español.

ÚLTIMAS

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...

Un accidente na Ponte de Rande provoca retencións na AP-9

Un accidente na ponte de Rande provoca retencións na autoestrada AP-9 en dirección Pontevedra,...

Deteñen un home en por presunta agresión á súa nai octoxenaria

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, A.I.R., de...