O responsable local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, visitaron esta mañá as instalacións das pistas de atletismo de Balaídos. Alí constataron, en palabras de Bará, “a imaxe lamentable” das pistas e “as graves deficiencias que dificultan a práctica deportiva”.
Para Otero, a situación destas instalacións é reflexo da “nula política deportiva” do Goberno municipal: “As pistas padecen o total abandono que padece o conxunto do deporte de base da nosa cidade”.

A situación do estadio de atletismo ten sido obxecto de reiterada crítica e denuncia por parte dos e das deportistas e é, para a fronte nacionalista, “impropia dunha cidade que presume do apoio do deporte”.
Neste sentido, denuncian “o deterioro do ximnasio, vestiarios, almacéns e baños e o pésimo estado das gradas. Aliás, a inexistencia dun módulo cuberto que impide adestrar en días de choiva, e o pésimo estado de conservación do anel atlético, tanto de pistas como de tartán, engádense á falla de mantemento e limpeza das instalacións e a redución do seu horario de apertura”.

Para resolver esta situación, o BNG demanda da Xunta de Galiza que execute “canto antes” o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo, subscrito polo goberno de Feixóo en 2014.
Así se recolle nunha proposición non de lei presentada polo deputado Luís Bará e na que se insta á Xunta a “dar cumprimento inmediato do compromiso adquirido co Concello de Vigo para a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos que contempla as seguintes actuacións: arranxo do baixo grada, novo ximnasio e vestiarios; torre de control e oficinas administrativas; Construción dun módulo cuberto e reforma integral do anel atlético”.

Os nacionalistas lamentan ademais que a confrontación partidista estea a dilatar a execución dunhas obras que se precisan coa máxima urxencia: “Estamos nun novo capítulo do enfrontamento constante entre Xunta e Concello que está paralizando a cidade”, criticou Bará. “Uns por outros e as pistas seguen abandonadas”, remachou.
A necesidade de reformar as pistas de atletismo de Balaídos foi asumida por acordos entre distintas administracións fai moitos anos. O primeiro acordo vén do ano 2008 coa sinatura dun protocolo entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo para un proceso de reforma integral, compromiso que foi mantido pola Xunta co cambio de goberno no ano 2009.

Con todo, houbo que agardar ata o ano 2014 para que desde a Xunta se asumise a
remodelación das pistas a cambio de ficar fóra da remodelación do Estadio de fútbol. En
2016 o daquela secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, anunciou que a Xunta
aportaría 2,3 millóns de euros para este proxecto namentres que o concello de Vigo
aportaría 500.000 euros, contando con iniciar o proceso a finais de 2017 a pesares da
anulación do PXOM.
“O certo é que a día de hoxe o proxecto segue estancado e os e as deportistas seguen a denunciar o deterioro das instalacións e as dificultades que teñen para adestrarse. As instalacións deportivas de atletismo están baixo mínimos, e para nada están á altura dunha cidade que presume de apoio ao deporte, mais ben todo o contrario”, denuncian dende o BNG, en sintonía neste caso co parecer da maioría de atletas que empregan as instalacións.

Destacan como especialmente preocupantes “a situación de abandono en que se atopan o ximnasio, vestiarios, almacéns e baños así como as gradas, que son vellas, e con filtracións de humidades e gretas”.
A isto hai que sumarlle “unha pésima xestión municipal, tanto na falla de mantemento e de limpeza das instalacións como na redución nos horarios para o uso das pistas que afecta especialmente ás persoas que preparan oposicións con proba física“, subliñan.
“As persoas que practican atletismo nestas instalacións deportivas non teñen a culpa das políticas PP-PSOE que levan a falla de entendemento entre Xunta e Concello de Vigo tanto nesta como noutras cuestións. Polo tanto, desde o BNG exiximos, unha vez máis, a reforma das pistas de atletismo de Balaídos de forma inmediata, pois xa existe unha partida para o financiamento de dito proxecto, ademais de planos do mesmo”, remarca a agrupación política.