O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para esixir á Xunta o mantemento do servizo de pediatría no Centro de Saúde de Coruxo e mais o reforzamento deste no centro de saúde de Navia.
A próxima finalización da interinidade coa que o Sergas decidiu cubrir unha praza de
pediatría vacante por xubilación no centro de saúde de Coruxo disparou todas as alarmas.
Segundo denunciou a propia veciñanza, a Consellaría de Sanidade non ten previsto
garantir a continuidade da atención pediátrica nese centro e mesmo estaría a forzar o
traslado de usuarias e usuarios ao centro de saúde de Navia.
“Que o Sergas tente deixar sen pediatra, pola porta de atrás, ás parroquias de Coruxo,
Saiáns, San Miguel de Oia e unha parte de San Andrés de Comesaña é unha medida
intolerábel e unha mostra clara de que o único que persegue o Partido Popular é o
desmantelamento da sanidade pública galega, cebándose especialmente en contra da
Atención Primaria”, segundo criticou Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo.
A situación agrávase tendo en conta que durante os meses de verán as parroquias afectadas vén incrementada considerabelmente a súa poboación. Ademais, o Bloque pon o foco tamén na situación de “masificación” que padece xa o centro de Saúde de Navia , que vén de receber ademais 900 novas cartillas trasladadas do
Centro de Saúde de Coia.
“Este feito déixanos na práctica sen posibilidade material dunha atención pediátrica áxil, o que acabará por provocar inevitabelmente a masificación das urxencias do Álvaro Cunqueiro” advirten as nacionalistas. “Falamos da saúde dos e das máis pequenas, e inda así o PP recorta sen pudor”, denuncian.
Emporiso, a través dunha proposición non de lei asinada pola deputada Montse Prado e o
deputado Luís Bará, o BNG demanda ao SERGAS que se garanta “a cobertura pediátrica
do centro de saúde de Coruxo á maior brevidade posíbel” así como que se dote ao centro
de Navia dunha “cuarta praza de pediatría e unha máis de enfermería para atender
debidamente á poboación infantil”.