Solidaridade Galega co Pobo Saharauí organiza cada verán a acollida de nenos e nenas saharauís por parte de familias de toda Galicia. O prazo para inscribirse este ano remata nos últimos días de maio. Por iso, esta entidade anima aos galegos e galegas a vivir esta experiencia “inesquecible”.
Unha iniciativa que, con todo, ten o freo de man botado desde hai algúns anos, concretamente, desde que comezou a crise económica que aínda non nos deixou. E o certo é que, co tempo, a crise tamén é unha crise de valores e unha crise de solidariedade. Esta asociación botou a andar no ano 89. Nun comezo traían cada verán 20 nenos, logo foron 80, despois máis de 600. Coa crise, este número descendeu ata estabilizarse nos 400. No conxunto de España, fai 6 anos eran 12.000 nenos acollidos, agora algo menos da metade.
Pero, a pesar das vacas bracas hai quen segue mantendo a ilusión por ver á rapazada saharauí en Galicia como o primeiro día. E un deles é Milucho Portela, un dos seus principais voceiros desta entidade, que recoñece que, a pesar dos problemas económicos hai concellos, como o de Vigo, que continúa botando unha man. Faino pagándolle todos os billetes dos cativos, que no verán subsisten no deserto nunhas condicións de vida aínda máis difíciles, a 50 grados centígrados.
Para recabar fondos e poder traer nenos e nenas a convivir coas familias dos demais concellos de Galicia, organizan diferentes iniciativas coma cenas, festivais musicais, actividades deportivas…
O mesmo Portela leva 20 anos acollendo nenos, xa veñen os sobriños dos primeiros. Axudar ao Sáhara non custa moito: “Cando calquera das familias de acollida deixa algo de diñeiro, a súa familia, de 9 ou 10 persoas, pode vivir diso cinco ou seis meses”.
A GUERRA ESQUECIDA
Fai máis de 20 anos que terminou a guerra no Sáhara, pero a situación segue sen arranxarse: “A pesar de tódalas resolucións da ONU, Francia ten dereito de veto, e entre Francia e Marrocos están a repartirse a riqueza do lugar. Cando España abandonou o Sáhara, non o deixou aos saharauís, e xa viviron 42 anos de conflito”.
Patricia leva 6 anos seguidos acollendo nenos saharauís, algúns anos viñeron incluso dous irmáns, como volverá ocorrer desta vez: “O primeiro ano é máis complicado, pola barreira do idioma, coñecen 3 palabras de castelán. Pero xa ao final do verán aprenderon todo. A experiencia é moi enriquecedora, tanto para eles como para nós”.
Ademais, así eles reciben revisións médicas que alá non teñen, e poden detectarse enfermidades. Patricia considera que a acollida supón abrir a mente, tamén para os máis pequenos da familia: “Que teñen de todo, e chegan nenos aos que todo lles falta, e aprenden de primeira man a valorar o que teñen“.
E engade que “estableces un vínculo que non é só 2 meses do verán, durante todo o ano estou en contacto con eles, e observo a súa evolución”.
Montse, que tamén decidiu acoller a un neno hai uns anos, considera que esta oportunidade cambiou a súa forma de ver a vida: “Foi unha aventura dende o comezo. Costoulle un par de días acomodarse á familia e un par de semanas comprender o idioma. El, que vivía nun campo de refuxiados, veu a unha cidade estraña, con persoas estrañas e costumes descoñecidas. Non podo imaxinarme no seu lugar. Estes nenos son uns valentes”.
SORPRESAS DIARIAS
Ao seu neno de acollida sorprendíalle cousas que para nós forman parte da rutina diaria: “O interruptor da luz, abrir unha billa e que brote a auga, a praia… Abraiado por absolutamente todo. O mellor foi velo desfrutar das pequenas cousas. Ao ano seguinte, por circunstancias persoais non puidemos acollelo, pero estivemos en contacto, incluso o visitamos”.
Montse recoñece que “o que che dan estes nenos, non se pode explicar con palabras”. E polo tanto anima aos galegos e galegas “a acoller e axudar a estes pequenos a esquecer durante dous meses o polvo e a calor do deserto“.