InicioVigo e contornaVigoO alcalde de Vigo afirma que a peonalización da Porta do Sol...

O alcalde de Vigo afirma que a peonalización da Porta do Sol é “imparable”

Os membros de Vigo Histórico teñen concertadas reunións a semana que vén co Concello, pero tal e como declarou Abel Caballero, as súas posibilidades de influír na toma de decisións do Goberno local son remotas.

PUBLICADO O

 A firme oposición dos veciños agrupados na asociación Vigo Histórico ao soterramento do tráfico na Porta do Sol para a peonalización de 8.000 metros cadrados recibiu este venres resposta do alcalde da cidade, Abel Caballero, quen dixo que “o progreso desta cidade non o detén ninguén”. De feito, Caballero manifestouse nestes termos xusto despois da aprobación do expediente de contratación do servizo de coordinación e saúde das obras, e mentres estaba reunida a Mesa de Contratación.
O alcalde sinalou que esta obra de humanización e peonalización da Porta do Sol, orzada en 17 millóns de euros e cun prazo de execución de 24 meses, “é imparable”, que é un “un soño desta cidade”, e que “ten luz verde absoluta”. Un xerro de auga fría para os veciños da asociación Vigo Histórico, os cales non se opoñen á peonalización da Porta do Sol, unha idea que consideran “estupenda” e “necesaria para o desenvolvemento de Vigo e da cidade”, senón ao soterramento do tráfico e ao túnel, segundo dixo  Rafa Ferradáns, un dos seus portavoces.
“Queremos convencer de que temos argumentos técnicos, turísticos, comerciais e ambientais como para demostrar a calquera que a construción do túnel é unha tolemia”, asegurou Ferradáns, quen considera o soterramento un “erro” que implicará máis tráfico, máis contaminación, e sacrificar o Paseo de Alfonso, “o último balcón urbano da cidade á ría de Vigo e ás Cíes”. Os membros de Vigo Histórico, que temen tamén pola integridade das estruturas dos edificios históricos, teñen concertadas reunións a semana que vén co Concello, pero tal e como se expresou o rexedor, as súas posibilidades de influír na toma de decisións do Goberno local serían ben remotas.
Contan coa complicidade do BNG, que no pleno do próximo 4 de setembro presentará unha moción para que se paralice temporalmente a licitación das obras ata conseguir unha “completa complicidade social”, segundo dixo esta semana o portavoz nacionalista Xavier Igrexas. “Facer da Porta do Sol a gran praza peonil de Vigo é unha tarefa que nos debe implicar a todos, non só ao Goberno municipal. Ten que implicar á Corporación Municipal, a todas as forzas políticas, ao tecido asociativo e comercial da zona e, por suposto, aos veciños”, engadiu.
Non parece que nada vaia a alterar sequera o ritmo dunha actuación urbanística que Caballero cualificou hoxe como “a modernidade total e unha mellora que era practicamente imaxinable”. “Todas as obras teñen nesta cidade sempre a alguén que se opón, pero que se esquezan de que a vaian a parar”, concluíu o alcalde.

ÚLTIMAS

Calor sufocante e frío extremo nas dependencias da Policía de Vigo

Os sindicatos JUPOL e CSIF denunciaron ante a Inspección de Traballo a situación que...

Vigo mantén “vixilancia máxima” nas súas zonas forestais para previr incendios

O Concello de Vigo mantén activa a "vixilancia máxima" en zonas forestais da cidade...

Falece Jaime Cagiao, fillo de Carmen Avendaño e referente da asociación Érguete

O vigués Jaime Cagiao, un do cinco fillos da fundadora da asociación Érguete, Carmen...

Remolcan unha embarcación fronte ás illas Cíes que quedou sen propulsión con 11 persoas a bordo

Salvamento Marítimo remolcou a pasada noite a embarcación de pasaxe 'Salacia', que quedou sen propulsión fronte á...