InicioDeportesOs grandes beneficios do xadrez: "Aprender a repoñerte, poñer freo á frustración...

Os grandes beneficios do xadrez: “Aprender a repoñerte, poñer freo á frustración e superar os propios erros”

PUBLICADO O

Pablo Vidal é un vigués de 18 anos que leva practicando este deporte dende os catro: “O xadrez é algo tremendamente complicado, a xente non se fai á idea. Levo máis de 10 anos asistindo a clases, dediqueille miles de horas, e aínda queda moitísimo por aprender. É tan complexo que as máquinas, a pesar da tecnoloxía actual, aínda que xa gañen aos humanos, non dominan completamente o sistema, como si ocorre nas damas. Son demasiadas variables incluso para elas”. 

Con respecto ás persoas que pensan que o xadrez non é un deporte, explícao así: “É unha competición, xogas nun taboleiro contra outra persoa, tentando superar ao contrario; e de feito a elite, para os campionatos do mundo, ten que levar unha preparación física, porque pasas por momentos de moitísima tensión, e sen resistencia baixas o nivel nas fases finais”.

E engade o vigués, xogador da Escuela de Ajedrez de Pontevedra: “A RAE define deporte como calquera actividade regulamentada, que precisa adestramento, e a partir da cal organízanse competicións suxeitas a esas normas. O xadrez cadra na definición. Non está dentro dos Xogos Olímpicos, tendo as súas propias olimpíadas cada 2 anos; pero si pertence ao Comité Olímpico e é recoñecido como deporte mental, coma as damas ou o xogo oriental Go”.

A pesar das actuais posibilidades de ocio tan variadas, que absorben facilmente a nosa atención, non lle restan dedicación a Pablo: “Amosáronme o xadrez cando tiña 4 anos, en casa tiña ordenador e TV e aínda así seguía xogando. O xadrez ten un compoñente sedutor, como loita de intelectos, é unha maneira de demostrar a túa valía intelectual. Hai combinacións de xadrez que son, para min, máis bonitas que a Mona Lisa. Haberei botado miles de partidas, e xa podo calcular xogadas 6 ou 7 movementos antes, incluso máis nalgúns casos”.

Pablo Vidal, concentrado nunha partida de xadrez / P.B.

Na vida cotiá moitas veces mestúranse os conceptos de estratexia e táctica, pero no xadrez refírense a aspectos diferenciados, explica o xadrecista: “A estratexia, máis complexa de aprender, é saber como colocar as pezas para ter máis oportunidades de vitoria, é posicional; as tácticas son combinacións de movementos que podes facer”.

Divide a partida en tres seccións: apertura, medio xogo e final. Na apertura daríanse os primeiros movementos. Cos iniciais son posibles 400 posicións distintas, no cuarto xa millóns. Os grandes xadrecistas destacan polo seus finais e aperturas, “Coma o actual campión, Magnus Carlsen, quen en posicións para empatar saca recursos impresionantes”, destaca.

Pablo tamén aclarounos a situación das mulleres neste deporte: “A muller compite por separado non por ter menor capacidade, senón para fomentar a súa participación. Este, a día de hoxe, aínda é un deporte de homes, non sei por que, pode que haxa un compoñente cultural, porque son unha muller por cada 40 varóns. Por separado téntase estimulalas, pero non existe un campionato masculino, é absoluto, a húngara Judit Pólgar xa chegou no seu momento a estar entre os mellores do mundo, na actualidade a china Hou Yifan está no top 50. Se existen diferenzas, non son determinantes. De feito, o último campionato galego, en abril de 2017, gañouno unha muller; e na miña categoría, a sub-18, eu quedei segundo e primeira tamén unha chica. Polo tanto, se alguén ten aínda a concepción de que non poden facelo, é errónea”.

O mozo defende ao xadrez coma un exercicio mental con moitos efectos demostrados: “Está pensándose en implantar en primaria, posto que demostráronse repercusións positivas da súa práctica no control de emocións, a habilidade lóxico-matemática, a intelixencia espacial e a comprensión lectora. A xente que coñezo en xadrez é moi intelixente, saca grandes notas en selectividade e estudan carreiras complexas”.

Ten consultado abundante información ao respecto: “Hai estudos que conclúen que se pos a un neno a xogar ao xadrez, aumenta seu rendemento académico de forma apreciable con respecto a outros. No que respecta ao control de emocións, o compoñente sentimental é moi importante: tes oportunidade de gañar, fas unha xogada mala e iso supón un golpe anímico que tes que aprender a xestionar, porque se che afecta comezas a xogar mal e cando o primeiro erro non fora decisivo en realidade, perdes por el. Tes que aprender a repoñerte, poñer freo á frustración e superar os propios erros. O xadrez exercita cinco das intelixencias múltiples descritas por Gardner”.

Serían a lóxico-matemática, a lingüística (comprensión lectora), e a espacial (ao estar obrigado a visualizar en varias liñas de tempo), como xa apuntou Pablo; ademais da interpersoal e intrapersoal, en busca de coñecemento dun mesmo e do rival.

“Non sei como sería se non houbera xogado ao xadrez, pero creo que a miña memoria e capacidade matemática sería moito menor. Ademais, este deporte levoume a moitísimos sitios: Inglaterra, Benidorm, Sevilla… Moitas persoas que fixéronme ser o que son hoxe, novas experiencias, iso tamén é moi importante”, conclúe.

Outro prometedor xadrecista vigués, Rubén López, aos seus 13 anos xa viaxou a un campionato de Europa en Romanía e leva acadados dous segundos postos en campionatos de España.

Agora, seu obxectivo é a primeira posición nacional, cando xa a conseguiu en Galicia nas categorías Sub-10 (por partida dobre, e cando só levaba uns anos do deporte), sub-12 e sub-14. Os nervios, asegura, non son un problema para el, e espera seguir acadando grandes logros en competicións por todo o mundo.

Xadrez
Rubén Fernández no campionato Galego de Xadrez de 2017 (Ferrol)

Rubén comezou a practicar xadrez aos sete anos e medio, xogando cos seus compañeiros do colexio. Seu pai preguntoulle se quería aprender, e trala súa resposta afirmativa comezou no club Xadrez Galego de Vigo e continúa agora en Pontevedra.

O novísimo xadrecista, un dos máis prometedores, premiado na última Gala do Deporte de Vigo, considera tamén que esta práctica axudouno a progresar en certas materias, sobre todo as matemáticas.

Para el, o mellor deste deporte é poder xogar contra opoñentes de tódalas idades. De feito, en contraste con outros deportes coma o fútbol e o atletismo, no xadrez a categoría veterana comeza case á idade actual de xubilación, con 60 anos.

O propio Parlamento Europeo, en 2012, valorou para a introdución do xadrez nas aulas que sexa un xogo accesible para calquera grupo social, polo que podería apoiar á cohesión da sociedade e á loita contra a discriminación.

Ademais, recoñece melloras constatadas na memoria, creatividade, paciencia e capacidade de perseveranza dos nenos. Tamén axudaría para facilitar as tomas de decisións ou interiorizar os valores da deportividade. Polo tanto, aconséllase aos Estados membros “que apoyen la introducción del programa «Ajedrez en la Escuela» en los sistemas educativos”.

Diferentes estudos apoian ao xadrez, incluso como método para previr o Alzheimer ou tratar de forma terapéutica a persoas dogrodependentes, apuntan dende Xadrez Galego (Ruiseñor 15, Vigo).

O documental “La dama del ajedrez” (Agustí Mezquida, 2012) trata cómo o xadrez tiña centos de anos de historia, pero era un xogo lento, que utilizábase coma escusa para o cortello na Idade Media. Pero en España revísase no século XV, con novas normas, sobre todo a aparición da poderosa dama, baseada na figura de Isabel A Católica. Sen dúbida, trátase dun deporte con centos de anos de historia e que agocha máis do que aparenta.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...