InicioSociedadePoden as nosas mascotas axudarnos a superar o estrés?

Poden as nosas mascotas axudarnos a superar o estrés?

Comezan os obradoiros de terapia asistida con animais na UVigo. As persoas participantes aprenden, a través da interacción con cans, a xestionar a ansiedade.

PUBLICADO O

De igual xeito que xa se emprega a terapia con animais con persoas maiores ou con algún tipo de discapacidade, a idea agora é trasladar os beneficios que ten o contacto entre humanos e cans á contorna académica.

Con este obxectivo, o Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo pon en marcha un obradoiro de terapia asistida para facer fronte ao estrés e á ansiedade en época de exames. A primeira das sesións tivo lugar este martes no campus de Vigo e o curso estenderase ata o 27 de xuño cunha clase semanal en cada campus.

Á fronte dos obradoiros están as técnicas de ADA, unha empresa especializada neste tipo de intervencións terapéuticas con animais. Para esta primeira sesión os convidados estrea foron Ítaca e Namaste, dous border collie que se converteron nos verdadeiros protagonistas entre caricias, aloumiños, lambedelas e algunha que outra salchicha.

Olalla Vergara, directora de ADA e mestra en educación infantil especializada en terapia asistida con animais, explica que o obxectivo deste proxecto é comprobar como os cans de terapia poden axudar a controlar o estrés en situacións tanto puntuais como cronificadas: “Lavamos anos traballando con cans adestrados para axudar a persoas con discapacidade ou a maiores a conseguir obxectivos, pero nestes procesos observamos que axudaban tamén a reducir moito o seu estrés e o das súas familias; amósanse máis relaxados, tranquilos e participativos, e quixemos trasladar esa sensación ao alumnado e profesorado”.

Ítaca / Universidade de Vigo

Isabel Ferreiro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico, explica que se trata dun programa piloto pensado tanto para o alumnado como para o persoal docente: “Estamos en época de exames pero tamén de preparación e presentación de traballos de fin de grao e de mestrado, e falar en público é unha da cousas que adoita xerar máis angustia”.

De momento, o campus de Ourense conta con 40 persoas inscritas e lista de agarda, pero para Vigo e Pontevedra aínda hai prazas dispoñibles. As sesións serán no campus de Vigo no edificio de Deportes os martes e en Pontevedra na Escola de Enxeñaría Forestal os mércores, entre as 10.00 h e as 12.30 horas, e os xoves en Ourense, na Facultade de Ciencias da Educación, en horario de tarde, de 16.00 a 18.30 horas. As sesións son de 20 minutos de duración.

Aprender a focalizar con Ítaca e Namaste

Ao longo desta primeira xornada, as participantes, todas mozas, centráronse principalmente en traballar en positivo e en aprender a focalizar, e fixérono coñecendo cales son as técnicas que empregan os cans para manter a atención: “O obxectivo é que poidan vivir no agora, no que estamos facendo cos cans neste momento”, explica Olalla Vergara, para que se distancien das preocupacións e interaccionen cos cans, “que a diferencia das persoas, non xulgan aos demais, son incondicionais, e esta é unha estratexia interesante para relacionarse socialmente”.

Tamén lles explicaron ás asistentes cales son os sinais de calma que empregan os cans, “que non son tan diferentes das nosas propios técnicas de control; todos e todas temos estas estratexias, ben sexa morder as unllas ou falar cos amigos, e poden funcionar mellor ou peor, pero aquí imos tratar de melloralas”, adianta Vergara.

Universidade de Vigo

Tania Pérez e Ana Ricoy son dúas das estudantes que están a participar no obradoiro. Ambas comezaron Química en setembro, polo que á presión dos exames únese o feito de ser o primeiro curso nunha contorna nova. Tras a primeira sesión xa percibían os beneficios, “é moi relaxante e gratificante vir e poder interaccionar cos cans”, explicaba Pérez.

Ana Ricoy agarda que estas sesións, ademais de ser útiles para aprender a xestionar o estrés, tamén lle sirvan para aprender a traballar co seu propio can, “porque ás veces el estrésame a min e outras eu a el, así podo aprender a relacionarme doutro xeito”.

Amosábanse ilusionadas con continuar asistindo ás clases e poder aplicar na vida real as técnicas aprendidas para facer fronte á ansiedade, porque “xa tivemos un exame parcial, pero a vindeira semana comezamos os finais, así que isto vainos vir ben para afrontalos máis calmadas”.

Na procura dunha familia para os cans

Esta primeira sesión desenvolveuse coa axuda de Namaste e Ítica, dous Border collie, un deles xordo e posiblemente vítima de maltrato, “xa que cando o recollemos na protectora, amosaba síntomas neste sentido”, lamenta Vergara. Pero este proxecto ten unha vertente solidaria en colaboración coa protectora Os Palleiros e nas próximas semanas serán tres cans desta entidade os que protagonizarán o obradoiro: “Son animais seleccionados e adestrados, tan bos para a intervención asistida como os cans de raza, pero están agardando unha adopción, e esperamos que algún deles atope aquí un novo fogar”, conclúe a responsable de ADA.

ÚLTIMAS

Traballadores de ambulancias de Vigo, Cangas e Moaña: “Á Xunta só lle interesa prestar un servizo o máis barato posible”

Traballadores da empresa Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte sanitario e urxente en...

O Concello de Vigo fala de decisión técnica sobre a paralización da talla da Falperra e non de presión veciñal

O Concello de Vigo remitiu este xoves un comunicado aos medios no que asegura...

Un home resulta ferido grave ao botarse desde un cuarto piso en Vigo

Efectivos do 061 trasladaron a un home que resultou ferido grave tras precipitarse desde...

Unha concentración de veciños na rúa Falterra logra impedir a talla de acacias negras programada polo Concello

Membros da plataforma Amigas das Árbores e outros colectivos veciñais e ecoloxistas concentráronse este xoves na...