InicioSociedadeO número de denuncias por violación en Galicia aumentou un 27,3% en...

O número de denuncias por violación en Galicia aumentou un 27,3% en 2018

Os expertos alertan dunha "proliferación das manadas".

PUBLICADO O

O campus de Ourense da Universidade de Vigo acolleu este martes o arranque da II Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade. O percorrido desta iniciativa polos sete campus galegos iniciouse poñendo sobre a mesa algúns dos datos máis recentes sobre a violencia de xénero, que apuntan a que en 2018 o número de denuncias por violación aumentou un 27,3% en Galicia, e a preocupación por fenómenos como “as manadas”.

Na inauguración da xornada, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, salientou como a celebración desta iniciativa “despois do 8 de marzo cobra todo o sentido tanto no espazo universitario como na sociedade en xeral”. Pola súa banda, Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, onde se celebrou a sesión, recalcou a importancia de “traballar cos rapaces, cos adolescentes, para que saiban relacionarse coas mulleres e entender as relacións afectivo-sexuais doutra maneira, dunha maneira sa”.

Tamén, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, puxo en cifras “a violencia machista que nos sacude como sociedade” amosando o seu pesar polos asasinatos acontecidos esta fin de semana dunha muller en Madrid orixinaria de Sober e outra en Valga. Fronte a estes datos e estes sucesos, fixo fincapé na importancia de denunciar e de previr.

“seguramente son moitas máis”

Segundo os últimos datos do Ministerio de Interior, dixo López Abella, no ano 2018 houbo en España 1702 delitos denunciados por agresións sexuais, por violacións, un 22,7% máis que no 2017, que ascendeu a 1387. En Galicia esta cifra de agresións sexuais sitúase en 56, un 27,3% máis que o ano anterior, que foron 44. Tamén aumentaron, dixo a secretaria xeral de Igualdade, as agresións sexuais sen penetración nun 17,5%.

Outra cifra apuntada por Susana López refírese a unha macroenquisa de 2015 feita polo Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade xunto coa Delegación do Goberno da Violencia de Xénero que indica que a porcentaxe de mulleres residentes en España de 16 ou máis anos que manifestaron sufrir nalgún momento da súa vida violencia sexual por parte da súa parella ou ex parella ascende ao 8,1%. “Seguramente son moitas máis”, afirmou, indicando como en España “só un 20% das persoas afectadas denuncian sufrir violencia física ou sexual. Elas son a punta do iceberg”.

A xornada, que continuará o día 26 de marzo no campus de Pontevedra e o 28 no de Vigo, arrancou cunha conferencia de Hilario Sáez, sociólogo, presidente da Fundación Iniciativa Social e membro do Foro de Hombres por la Igualdad, que falou sobre o paso da violencia de xénero ás violencias machistas tomando como referente “as manadas”.

“Como todo o mundo estou preocupado polas novas formas de violencia sexual que se dan, como o da manada. Xa non podemos falar en singular desafortunadamente, porque están proliferando as manadas”, comentou Hilario Sáez.

Durante a súa intervención convidou ao público asistente a “facer unha reflexión sobre o cambio de paradigma que significa deixar de falar só de violencia de xénero como algo no marco da parella para falar doutras situacións que teñen que ver co xénero, coa violencia machista e que inclúen por fin e afortunadamente as violencias sexuais que sempre tiveron unha compóñente sexista, de xénero, clarísima”.

O presidente da Fundación Iniciativa Social lembrou como “violacións houbo sempre” e indicou como “non estamos necesariamente moito peor que antes, estase avanzando moito, pero hai trazos e fenómenos novos que teñen que ver cunha ausencia de educación sexual que se suple con pornografía” e “na que as prácticas sexuais que se comparten son basicamente formas de facer sexo que raian a orxía” pero cunha “compoñente de grupo homosocial masculino moi potente. É algo que se fai para contarse entre homes, para ser difundido entre homes”. Isto, indicou Sáez, “é algo novidoso pero ten que ser inscrito nunha cultura moi longa da violación” e nunha “reacción neomachista fronte a liberación sexual da muller que empeza a finais dos 70”.

Pola súa banda, Rosana Martínez, investigadora predoutoral da Universidade de Vigo, expuxo na xornada os resultados dun estudo realizado por ela no curso 2016/2017 na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense para detectar situacións de acoso ou abuso sexual, estudo que é a orixe da súa tese de doutoramento actualmente en realización. Despois de facer unha enquisa a 160 estudantes de Educación Primaria, Infantil e Educación Social (134 mulleres e o resto homes), “atopámonos un alarmante número de 106 mulleres que sufriron acoso e de oito que sufriron agresións sexuais”.

Destas 114, 13 mulleres non se identificaron a si mesmas como vítimas de acoso, ao igual que ningunha das oito agredidas sexualmente. “Detectamos o grande estigma que senten estas mulleres, séntense culpables da situación que viviron, senten medo, inseguridade, teñen medo de alzar a voz e identificarse como vítimas para que a sociedade non as estigmatice como tales”, apuntou a investigadora. Tamén, engadiu, “detectamos unha falta de educación sexual e afectiva”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...