InicioMedio Ambiente e PatrimonioNavia Verde: O barrio vigués móvese para salvar os seus espazos naturais

Navia Verde: O barrio vigués móvese para salvar os seus espazos naturais

A asociación veciñal Novo Vigo prepara unha concentración o día 7 de maio ás 11 horas na praza da Estrela (Vigo).

PUBLICADO O

- Advertisement -

Navia (Vigo) está en constante crecemento. En 2013 xa vivían só en Teixugueiras, a súa rúa principal, 7.409 persoas. Hoxe, cinco anos despois, superáronse xa os 9.390 habitantes. Os veciños non están de acordo coas modificacións por parte da Xunta do seu plan inicial, case triplicando o número de edificios estipulados para a última fase do proxecto.

A asociación veciñal Novo Vigo leva máis de 1.200 alegacións firmadas. O día 7 termina o prazo para presentar alegacións, e ese mesmo día ás 11:00 organizan unha concentración na praza da Estrela, fronte ao edificio da Xunta.

Falamos con Ana, a súa presidenta: “Cando viñemos aquí, chegamos a un barrio cunhas condicións e unhas zonas verdes. E non estamos dispostos a que resten espazos naturais. É un dos barrios que máis está crecendo de Galicia. O de Teixugueiras é digno de mirar, a de denside de poboación que hai nunha única rúa. Ten máis poboación que a gran maioría de municipios de Galicia”.

“No 96 xa se sabía que ían continuar na construción de vivendas, pero eran 613 as que restaban. Agora queren facer 1.796 vivendas, máis de mil por riba do plantexado. E quérense levar as carballeiras, como as que xa se levaron para montar un parque que é puro cemento, botaron escombros e fixeron unha montaña”, denuncia.

Barrio de Navia .Asociacion de veciños .
Ana, Presidenta da Asociación de Veciños de Navia Novo Vigo, ensina os planos da novo proxecto de construción / Miguel Núñez

Están na loita por que se respete o máximo de masa forestal, parte dela incluso forma parte do esteiro do río Lagares. Pero non é a súa única reivindicación: “Temos un grave problema de contaminación acústica coa VG20. É a zona de Vigo máis saturada, e pedimos o soterramento da autovía ou como mínimo un estudo acústico actual, porque se basan nun de 2012, e estamos crecendo ano a ano”.

Tamén esixen novos servizos sociais e culturais, porque “o que fixeron aquí foi plantar edificios e nada máis”. E engade: “O Centro de Saúde leva dende novembro abrindo polas tardes, e por manifestacións que fixemos. Tamén precisamos un instituto. En Navia hai 529 rapaces e rapazas entre 11 e 15 anos. É o barrio máis novo de Galicia, e non sei se de España, e sen instituto. A nosa gráfica de poboación non é habitual, seguen chegando moitos nacementos”.

O 1 de febreiro de 2018, a rúa Teixugueiras contabiliza 1.220 nenos entre 0 e 5 anos, 980 entre 6 e 10 anos, 529 entre 11 e 15, 352 entre 16 e 20… E só 95 persoas entre 66-70, 97 entre 71-75, 38 entre 76 e 80, e só 72 anciáns con máis de 80 anos. O grupo de idade máis abundante sería o de 36 a 40. Unhas cifras nas antípodas da situación xeral galega, nun constante envellecemento progresivo.

“NAS ACTUACIÓNS PREVIAS ÁS DA ACTUALIDADE, NON QUEDOU UNHA SOA ÁRBORE DAS PREEXISTENTES”

Nestas circunstancias, dende Novo Vigo denuncian que “cun afán claramente economicista, e sen considerar que na actualidade xa van construídas 3.732 vivendas, quedando por construír, segundo os anteriores plans 613 vivendas, esta segunda modificación elévaas en 1.180, case o dobre do previsto. Polo que o total das vivendas, contando coas 3.732 xa construídas sería de 5.525 vivendas ao final da promoción”.

Ademais, a ficha técnica do PAU de Navia, aprobado pola Xunta de Galicia en 1993, nos criterios de ordenación e normativa de aplicación dicía textualmente que: “As zonas verdes serán situadas preservando as masas forestais existentes”.

Planos do proxecto da Xunta / Asociación Novo Vigo

Pero dende Novo Vigo denuncian que “a realidade constatable é que tal norma, nas etapas ata agora desenvolvidas I, II e IIIA, foi totalmente incumprida. Nas actuacións previas ás da actualidade, non quedou nin unha soa árbore das existentes. Os terreos de Poza Cabalo, Os Limpiños ou Lamelas estaban ocupados dunha importante masa forestal, principalmente carballos, piñeiros, bidueiros, bidóns e salgueiros. Non ficou nin un en pé… ademais de que unha das cousas polas que se caracteriza o novo parque é a ausencia de masa arbórea”.

De tal xeito, propoñen que as edificacións deben adecuarse ás masas forestais aínda existentes. Tamén denuncian a proposta por parte da Xunta de crear novos aparcadoiros, xa que “o incremento da dotación de prazas faise á conta da redución de 17.716 m2 en zonas verdes tan sensibles como son as situadas entre edificios ou directamente enfronte, e/ou a poucos metros das vivendas”.

Concentración Navia Verde, o luns 7 ás 11:00 na Praza da Estrela / Asociación Novo Vigo

Por outra banda, a activista Ana María Fernández, pertenecente á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), participará este sábado ás 17:00 nun roteiro polo espazo verde de Navia, descoñecido pola maioría dos veciños e veciñas.

Será un acto no que eloxiará á natureza, porque “é primavera e a natureza na súa xenerosidade énchese de vida, as plantas silvestres florecen, os lagartos saen ao sol, as bolboretas voan de ledicia, os paxariños fan os niños nos que incuban aos seus fillos”.

E, ademais, criticará a relación do ser humano coa natureza: “Unha vez máis ignoramos a vida e a súa esencia e planeamos a devastación, a aniquilación, a erradicación deste ecosistema, desta biodiversidade por unha nova urbanización”.

E todo, ademais, cando “na cidade de Vigo xa hai un gran número de vivendas e chan construido desaproveitado. Edificios que poderían ser rehabilitados ou derrubados para abrir zonas verdes no casco urbano. E en lugar de por solución a este desaproveitamento,  estanse a cometer os mesmos erros dos anos 60 e 70, destruindo o valor único e irrepetible do enclave natural da cidade de Vigo, en concreto, de Navia”.

Ana lamenta como a cidade de Vigo segue a medrar “de costas ao seu máximo valor e privilexio, que é a súa natureza, o seu enclave natural coas súas carballeiras e humedais. E o que estamos a facer eiqui é só unha das millóns de agresións e crimenes que o ser humano comete tódolos días a un ritmo trepidante, en contra da nosa nai (a natureza) e de nós mesmos. Moitos pobos indíxenas e persoas están a perder as súas vidas en defensa dos últimos redutos de vida e biodiversidade do noso planeta como Berta Cáceres e miles doutras persoas anónimas”.

E recorda que estamos a permanecer impasibles antes a destrucción do último bosque de Navia, algo posible porque non coñecemos os seus camiños, “nin os nomes das súas prantas e o que non se nomea non se ama, non existe para ao ser humano“.

carballeira de Navia
Ana María Fernández, activista en fabor de manter a carballeira de Navia / Miguel Nuñez

Sobre o parque de Navia, denuncia: “Temos aquí a proba do magnicidio. Este parque é o parque máis inhóspito e feo do planeta Terra. Érguese sobre o que no pasado era unha frondosa carballeira. Agora é un cemiterio. O plan pretendía respetar a masa forestal e éste foi o respeto que mereceu. Non deixemos que ocorra de novo. Unámonos en defensa do bosque de Navia, en defensa das nosas vidas e da súa calidade, o noso dereito a respirar aire fresco, e ver a curuxa, o merlo, os pardais e cheirar as flores en primavera, a ver o verde das carballeiras e escoitar o asubío das súas follas mecidas polo vento”.

Para ela, é o único futuro grato posible: “Fagámolo polos noso fillos, para non deixarlles un mundo onde o ser humano cada vez vive máis enfermo lonxe da natureza, máis cheo de violencia, máis ocupado en banalidades polas que deixa pasar as súas horas de vida, producindo un mundo virtual, inexistente, que nos levará a enfrontarnos á morte rodeados de morte, de obxectos construidos por nós”.

“EN VIGO CONTINÚA A PRÁCTICA DUN URBANISMO CADUCO”

“O noso afán por dominar e aniquilar a natureza, por domesticala, por escravizala á nosa vontade só nos leva a nosa propia demencia“, advirte.

Ao mesmo tempo, recorda que noutras cidades, coma Pontevedra ou Santiago de Compostela, “afianzan un novo modelo urbanístico sostible e amable co entorno natural, vendo recoñecida a súa labor a nivel nacional e internacional. Un modelo baseado en integrar, aproveitar e realzar o seu entorno natural. En Vigo continúa a práctica dun urbanismo caduco, que recorda aos 70, que aposta polo feísmo e a destrución do seu medio natural”.

“En moitos países do mundo, como Alemania ou Xapón, aprendeuse a lección da industrialización, e dende comenzos do século XX inténtase integrar a masa forestal e os seus hábitats naturais dentro da cidade. Leipzig, en Alemania, con 500.000 habitantes, ten un kilómetro de bosque de ancho e sete de longo que conforman o seu centro urbano, tan monumento como a igrexa onde Bach compuxo a súa música que se erixe xunto ao bosque. Os edificios integran no seu interior illas de masa forestal a modo de patios interiores de 300 metros cuadrados”, engade. Ela defende que “existen outras formas de facer as cousas”, e pregúntase se “imos permitir isto”.

Carballeira bosque de Navia
Bosque autóctono: unha das carballeiras de Navia en perigo /Miguel Núñez

Ela e outros veciños tamén presentaron outras alegacións xa que entenden que non estén a valorarse os acuíferos e manantiais que existen na zona: “Esta omisión é especialmente chamativa se consideramos que aproximadamente un 50% da zona afectada está incluida na zona delimitada como “esteiro do Lagares” .

E no documento do plan de Navia podemos ler o seguinte: “O ámbito non está atravesado por ningún elemento da rede hidrográfica superficial e na contorna non se aprecian valores naturais que merezan unha especial protección. Nin nas etapas pendentes de execución do PP, correspondentes con baleiros de contorna urbana e rural, nin nas xa executadas, se insiren espazos naturais contemplados na Rede galega de espazos naturais protexidos ou da rede natura 2000”.

Ana denuncia que existe unha valiosa rede superficial, e simplemente os regatos que chegaban ata o Lagares foron desaparecendo pola urbanización da zona. E compara a actualidade de Navia co que ocorrera en Coia, “un barrio que saíu en defensa do humidal da Bouza, co seu grito “A bouza é nosa”, o que conseguiu a conservación de hábitats naturais en contra da presión urbanística defendida polas administracións”.

Polo tanto, fronte a que a Xunta considere que non existen “elementos naturais protexidos nin no ámbito nin na súa contorna inmediata”, Ana defende a pertenza da zona natural ao esteiro do Lagares, a masa forestal con especies a protexer coma o carballo e a falta de avaliación dos manantiais de auga existentes na zona.

Ana aclara que “esta zona é húmida, estaba asolagada pola auga gran parte do ano, e os edificios xa construídos teñen que bombear auga dos seus sótanos para que non se lles inunden, e é de dominio público que a auga, o cambio climático e a protección da terra son temas prioritarios na nosa sociedade”. 

Nesta dirección posiciónanse organismos como a UNESCO (“as augas subterráneas son esenciais para alimentar moitos ríos, lagos, humidais e outros ecosistemas e son un valioso recurso natural que constitué unha das principais fontes de auga para a agricultura e usos domésticos e industriais no mundo”), ou BBC Mundo (“a auga subterránea representa a maior reserva a nivel mundial de auga potable para o futuro. É unha reserva enerxética para loitar contra os impactos do cambio climático e os problemas de sequía e contaminación da auga superficial”).

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...