InicioCulturaO BNG acusa ao Concello de provocar "desertización cultural" e define aos...

O BNG acusa ao Concello de provocar “desertización cultural” e define aos museos vigueses como “contedores baleiros”

O Centro de Arte Fotográfico de Vigo, cun investimento de arredor de 2 millóns de euros, leva máis de 3 anos e medio sen ningunha actividade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG de Vigo realizou este martes pola mañá a un acto simbólico de protesta diante do Centro de Arte Fotográfico de Vigo (Cafvi) para denunciar o seu abandono após levar máis de 3 anos e medio fechado e sen actividade.

Durante a acción despregaron unha faixa na fachada do emblemático edificio da rúa Chao que alberga o Cafvi co lema “Queremos cultura, non museos baleiros”. A fronte nacionalista quixo denunciar tamén “o estado lamentable” no que ao seu parecer se atopa boa parte da rede museística da cidade, que “é un exemplo clamoroso da política de desertización cultural a que estamos sometidos por parte do goberno local”.

“Temos unha rede de contedores baleiros de contidos, con horarios de apertura minúsculos e mesmo sen dirección como é o caso do Museo de Arte Contemporáneo ou do Verbum” apuntou o candidato á alcaldía do Bloque, Xabier P. Igrexas.

Igrexas lembrou que o Cafvi foi inaugurado o 7 de maio 2015 e fechado apenas tres meses despois logo de albergar unha pequena exposición cunha escolma fotográfica dos fondos do Arquivo Pacheco.

Desta maneira, unha dotación que supuxo un investimento de arredor de 2 millóns de euros leva máis de 3 anos e medio sen ningunha actividade e coas portas fechadas, nun palpábel estado de degradación con pintadas no seu exterior.

Diante do “total desleixo municipal” Pérez Igrexas reivindicou que “unha das mellores maneiras de humanizar a cidade é democratizar o acceso á cultura, que pasa por unha política na que prime o contido sobre o contedor e facilite o acceso do pobo a todas as manifestacións artísticas”, expón o candidato do Bloque.

A fronte nacionalista chamou a valorizar e impulsar “a enorme forza creativa que ten a cidade, tanto do seu patrimonio fotográfico que representa unha memoria visual do que fomos, como co talento de novos creadores e creadoras na arte fotográfica”, para o que demandan a apertura e dinamización do Cafvi.

O candidato nacionalista recordou que “o estado da Rede museística é un claro exemplo do mal que lle sentou á nosa cidade a maioría absoluta do PSOE en Vigo. Unha maioría tan absoluta como inútil, sen xestión nin proxecto”, insistiu.

“Contamos con millares de persoas que non entenden nin se resignan a aceptar unha política cultural tan pobre e desértica na principal cidade de Galiza”, remachou.

ÚLTIMAS

Varios feridos, entre eles un xogador, tras ceder un muro das gradas no campo de fútbol do Gondomar

Un partido de fútbol cadete entre o Gondomar CF e o Val Miñor rematou...

A RAGBA incorpora a Carlos López Bernárdez como experto en artes

O historiador de arte Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) ingresou este sábado na Real...

Dous accidentes en poucas horas deixan varios feridos leves en Vigo

O 112 informou de que unha saída da vía en Vigo propiciou que o...

Enfrontan penas de ata 5 anos por un roubo a man armada nun banco de Vigo

Dous homes acusados dun roubo con intimidación, como supostos autores dun atraco perpetrado nunha...