InicioMedio Ambiente e PatrimonioCoñece Topacio, o proxecto para que a masa forestal anexa a estradas...

Coñece Topacio, o proxecto para que a masa forestal anexa a estradas e poboacións non cause máis vítimas mortais

Non podemos repetir unha catástrofe como a dos lumes de outubro de 2017.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O acontecido en incendios como Chandebrito e Pedrógão Grande (Portugal) puxo o foco de atención na importancia que ten para a prevención e control dos lumes o estado da masa forestal que hai arredor de vías de comunicación e poboacións.

Co obxectivo de avanzar neste eido, presentouse o pasado venres no campus de Ourense da UVigo o Proxecto Topacio. A iniciativa une a catro empresas, dous grupos de investigación da Universidade de Vigo e un centro de investigación, co obxectivo de desenvolver un sistema de información que, empregando tecnoloxías baseadas en satélites de observación e sistemas aéreos non tripulados, permita obter información do estado das franxas de vexetación na contorna de vías de comunicación e poboacións. O obxectivo último é contribuír a mellorar a xestión forestal e a loitar contra os incendios forestais.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez.

Higinio González, investigador principal no proxecto por parte da Universidade de Vigo, e Javier Prego, da empresa Extraco, coordinadora do proxecto, foron os encargados de presentar a iniciativa nunha xornada de divulgación que contou coa asistencia de representantes de todas as entidades públicas e privadas implicadas, estando tamén Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Representantes das entidades implicadas no proxecto/ Duvi

No proxecto Topacio, explicou Higinio González no acto, participan as empresas Extraco, que achega a súa experiencia como concesionaria de obras en vías; Aeromedia, con experiencia en captura e procesamento de datos; Conexiona, con experiencia no desenvolvemento de solucións TIC innovadoras e multiplataforma, e Sans2, con experiencia en sistemas de información xeográfica.

A eles únense os grupos da Universidade de Vigo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) e de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, participando Feuga na xestión administrativa. O importe do proxecto ascende a 799.316,81 euros, contando cunha subvención por parte da convocatoria Conecta Peme 2018 da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

lume incendios lapas e fume
Un home retrocede ante a agresividade das lapas/ Miguel Núñez

O obxectivo xeral de Topacio, indicaron os seus responsables, é a optimización dos procesos de xestión de infraestruturas na rede primaria de xestión de biomasa para a prevención de incendios forestais. Os obxectivos específicos céntranse en desenvolver unha ferramenta que permita coñecer o estado das masas forestais anexas ás infraestruturas; facer unha inspección e monitorización máis eficiente delas; analizar o risco de ignición e propagación de lumes na faixa primaria de xestión forestal para intentar minimizalos; avaliar o risco de propagación de lumes e optimizar os labores de mantemento forestal.

Para acadar estes obxectivos, o proxecto contempla tres grandes bloques. Segundo explicou Higinio González, o primeiro deles é a inspección da masa forestal, para o que se empregarán sistemas de datos Lidar móbil, tanto terrestres como aéreos (drones), que permitirán ter a xeometría da zona.

Unha rapaza mira como avanza o lume durante a noite/ Miguel Núñez

O segundo é a monitorización, na que se incorporarán os datos meteorolóxicos, que afectan aos incendios; imaxes de satélite e o que chaman sensores cidadáns, imaxes xeoreferenciadas publicadas en Internet por cidadáns e que poden achegar información do estado de conservación das zonas.

“O gran receptor de toda esta información será un sistema de información, que integrará todos estes datos e que axudará na toma de decisións ao usuario final”, comentou o profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, apuntando como ese usuario final serán as administracións e empresas que traballan no sector.

Lume rapaces o apagan.
Dous rapaces extinguen o lume nunha carballeira preto das casas/ Miguel Núñez

Iniciado en 2018, o proxecto, que se prolongará ata setembro de 2020, está na súa fase inicial de análise e deseño do sistema e de definición das metodoloxías e aplicacións de acceso a datos. Porén, explicou Higinio González, xa se están tomando os primeiros datos nas dúas áreas de estudo seleccionadas para testar as diferentes tecnoloxías e ferramentas que se van desenvolvemento, unha en Celanova, na AG-31, e outra en Lobios, na OU-312, no Parque Natural da Serra do Xurés.

O proxecto, que leva por título ‘Tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais’, sinalou Javier Prego, “ten un grande interese para o tecido industrial galego e para a sociedade galega porque fai fincapé no control dos incendios forestais, un problema como sabemos bastante grave na nosa comunidade”.

Incendio fornelos de montes ,rebaño de cabras
Unha muller leva ás súas cabras polos montes queimados de Fornelos despois dos incendios de outubro / Miguel Núñez

A iniciativa, indicou o enxeñeiro, “quere buscar alternativas ao control dos incendios forestais” tendo en conta que “boa parte deles teñen lugar nos arredores das estradas”.

“Parécenos que o proxecto ten moito que ofrecer á sociedade ourensá e á sociedade galega e serve para conectar á Universidade de Vigo con estas empresas e co tecido empresarial da provincia”, dixo lembrando como tres das empresas participantes son ourensás.

monte Queimado As Neves .
Un paisano de As Neves camiña co seu can polo monte queimado/ Miguel Núñez

A idea de pór en marcha un proxecto no que se relaciona a xestión das estradas co control dos incendios forestais, comentou Javier Prego, naceu ante a evidencia de que as infraestruturas do transporte en xeral teñen varias posibilidades de uso no contexto da xestión dos incendios, desde ser vía de escape da poboación ou de acceso para os servizos de emerxencias ata ser trampas na fuxida deles.

En Topacio, detallaron os seus responsables, búscase ofrecer “solucións innovadoras que estean relacionadas co ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación de última xeración” de modo que “serva non só para controlar os incendios senón tamén para previlos, facendo estudos de biomasa ou avaliando os riscos de incendios nos bordes das estradas”.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...