O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu reclamar este xoves á Xunta de Galicia a construción dun segundo encoro no río Oitavén para reforzar o abastecemento de auga á cidade e á súa contorna. O rexedor considera que a situación actual xa xustifica recorrer a esta infraestrutura e respondeu así ás declaracións realizadas no Parlamento polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen sinalou que a construción de novas presas debe ser “o último recurso”.
Caballero sostivo que Vigo se atopa precisamente nese escenario. “Pero, señoras e señores da Xunta de Galicia, ¿non se deron conta de que en Vigo xa estamos no último recurso?”, preguntou o alcalde en declaracións remitidas aos medios.
O rexedor afirmou que durante os períodos estivais se reproducen os problemas relacionados co abastecemento e que o Concello ten que realizar chamamentos para moderar o consumo. “Todos os veráns temos dificultades coa auga na cidade”, asegurou, antes de sinalar que existe “carencia de auga” e que se deben adoptar recomendacións de consumo responsable.
Segundo explicou, a posta en funcionamento da nova estación potabilizadora permite ampliar durante varios meses a capacidade de abastecemento de Vigo, aínda que considera que esta medida non resolve definitivamente o problema.
Caballero tamén chamou a atención sobre a situación de Baiona, que cualificou de “extrema” e mesmo de “ultimísima situación na que se pode estar”. Segundo o alcalde vigués, o municipio necesita recorrer ao abastecemento procedente de Vigo, mentres acusou a Administración autonómica de non adoptar medidas suficientes para incrementar os recursos dispoñibles.
DISCREPANCIAS POLAS PERDAS NA REDE
Outro dos puntos de confrontación entre o Concello e Augas de Galicia está nas cifras sobre as perdas de auga nas canalizacións municipais. Caballero volveu rexeitar os datos manexados pola Xunta, que situarían esas perdas por riba do 20%, e asegurou que no caso de Vigo son do 6,3%.
O alcalde tamén indicou que o Concello vigués está a asumir actuacións relacionadas coas conducións que abastecen outros municipios da área, entre os que citou Moaña e Redondela.
Neste contexto, insistiu en que unha nova presa no Oitavén debería ser considerada xa como a alternativa necesaria. “Prantexan que a presa teña que ser o último recurso. Si, pero estamos niso, xa llo pedín hai 15 anos”, manifestou.
Caballero volveu facer referencia a un acordo previo entre o Goberno de España, o Concello de Vigo e a Xunta para analizar as posibles solucións ao abastecemento da área. Segundo a súa versión, o estudo realizado daquela concluíu que a construción dunha segunda presa era a opción máis axeitada.
O alcalde afirmou ademais que ese proxecto “non ten efecto ambiental” e sostivo que existía consenso entre as distintas administracións para avanzar por esa vía.
CRÍTICAS AO HORIZONTE DE 2070
Caballero tamén criticou que desde a Xunta se sitúe no horizonte de 2070 a necesidade de abordar determinadas novas infraestruturas hidráulicas. O alcalde contrapuxo ese prazo ás restricións e recomendacións que, segundo indicou, xa se están producindo na actualidade.
“Temos esta situación límite, a peor da historia, e a Xunta di o ano 2070”, afirmou. A continuación, acusou o Goberno galego de pretender permanecer durante décadas sen acometer a infraestrutura que reclama Vigo.
O rexedor empregou termos como “descaro político” e “sinvergonzada política” para censurar a posición da Administración autonómica, á que responsabilizou de non dar resposta ás necesidades de abastecemento.
Caballero advertiu de que a falta de recursos hídricos non afecta exclusivamente á cidade olívica e incluíu dentro desta problemática a municipios como Cangas, Moaña, Redondela, Nigrán e Baiona, ademais de Vigo.
