InicioVigo e contornaVigoCaballero mantén a prealerta por seca: "Non creamos temor, simplemente somos precavidos"

Caballero mantén a prealerta por seca: “Non creamos temor, simplemente somos precavidos”

O goberno galego lamenta o discurso "sen rigor" do alcalde, ao que acusa de crear problemas para erixirse en 'o Cid de Vigo'

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este xoves que mantén a situación de prealerta por seca na cidade, a pesar de que a Xunta aclarou que non hai risco para o abastecemento. “Non creamos ningún temor, simplemente somos precabidos”, xustificou o rexedor.

En declaracións remitidas aos medios, o alcalde insistiu en que a situación do encoro de Eiras, con 8 puntos menos de volume de auga embalsada que hai un ano, é “a segunda peor na historia”. Así mesmo, explicou que a situación de prealerta “é evitar consumos superfluos, evitar que se enchan piscinas, recomendar pechar a billa ao lavarse os dentes… cuestións de sentido común”.

“E a cidade de Vigo recibiuno ben, con tranquilidade e con seriedade, sabendo que o que queremos é evitar que Vigo quede sen auga. Outros concellos tamén fixeron o mesmo pero a Xunta de Galicia acúsanos de crear temor porque sempre está contra Vigo. “Non creamos ningún temor, simplemente somos precavidos e tratamos de evitar quedarnos sen auga porque a presa de Eiras é unha presa moi pequena para o consumo ao que está sometida e para todos os municipios incluído Vigo”, proclamou Abel Caballero.

O alcalde volveu a esixir a construción dunha segunda presa augas arriba no río Oitavén e acusou á Xunta de oporse, porque “pretenden que quedemos sen auga”. “Iso son indicacións directas de Rueda”, denunciou Caballero.

Ademais, volveu a acusar o goberno galego de non pór “nin un céntimo” na potabilizadora, a pesar de cobrar 6 millóns de euros de canon de saneamento á auga. “Só pensan en Vigo para levar o diñeiro, e cando hai problemas escapan”, incidiu, e repetiu que a Xunta “estaría encantada” de que Vigo non tivese auga. “Empeza a parecernos que Vigo non é Galicia, e se é así, cuidadito señores da Xunta, cuidadito”, apostilou.

DISCURSO SEN RIGOR E QUE “CANSA”

A Xunta volveu a responder as palabras do alcalde, lamentando que fale “sen rigor” cun discurso político “manido e que cansa”. “Non é tolerable que cada dato real o vista de confrontación política”, apuntaron fontes autonómicas. Tras confirmar que a presa de Eiras está por baixo do nivel de hai un ano e que o dato é “dos máis baixos históricos”, a Xunta sinalou que o propio alcalde fala de 5 meses de autonomía. Esta autonomía conseguiuse, segundo a Xunta, non polas obras do Concello, senón “porque se corrixiu a mala operación do seu sistema de abastecemento, cambiando as válvulas principais que abrían e pechaban”.

Tamén lamentou que ao rexedor “fállalle a memoria” e non lembra que Augas de Galicia achegou 75 millóns de euros á nova depuradora de Vigo, e fixo outros investimentos na rede, así como propuxo outras que o Concello non aceptou (por exemplo, para control de inundacións en Sárdoma e en zonas de parques empresariais). “Durante ese tempo son as demais cidades e pobos de Galicia os que achegan fondos para financiar infraestruturas de Vigo. Pero non pasa nada, é normal (…), iso é xestionar prioridades”, sinalan fontes autonómicas.

A Xunta matizou que os indicadores, no marco dun protocolo claro e medible, non levan a declarar a prealerta en Vigo “por agora”. “Quere anticiparse? Fágao con medidas municipais, pero non diga que toma medidas como que os vigueses pechen as billas mentres se lavan os dentes”, apostilou a Xunta, que lembrou que “os vigueses xa son responsables aos niveis de tutoría que o alcalde pretende mostrar”.

“Cal é o obxectivo entón? Ser a figura valedora contra os inimigos externos? Que son os galegos… ou conseguir ese encoro que non para de mencionar”, cuestionou a administración autonómica. Respecto diso, o goberno galego lembrou que se falou dun segundo encoro “cando Vigo consumía un 25% máis de auga”, e que se fixo un estudo entre Augas de Galicia e o Goberno central, entre 2019 e 2022, cunha serie de propostas para garantir o abastecemento futuro.

Esas propostas fixéronse con outro escenario, explica a Xunta, cando as perdas da rede eran “enormes” e a potabilizadora “funcionaba só ata medio encoro”. “Aínda así, non concluía que se fixese un novo (…), pero desde a Xunta non se di que non, dise que se estude ben, un encoro é complexo”, engadiron.

“Porque algo parece común, o señor Caballero quere facerse o imprescindible pondo el mesmo os problemas que despois di solucionar, pero sobre todo buscando un inimigo fóra que non existe, para ser ‘o Cid de Vigo’. Datos obxectivos? Ningún. Localizacións (dun novo encoro)? Fóra de Vigo“, sentenciou o goberno galego.

ÚLTIMAS

Vigo activa as súas catro zonas de baixas emisións: os coches sen distintivo ambiental xa non poden circular por elas

O Concello de Vigo puxo en marcha este xoves as catro zonas de baixas...

Prisión para dous dos cinco detidos tras desmantelar tres “narcopisos” en Vigo

O maxistrado da praza 4 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de...

Dous anos e tres meses de prisión para o home que atracou e feriu a unha taxista en Vigo

O home que asaltou e feriu unha taxista en Vigo aceptou dous anos e...

Cinco detidos e rexistros en tres ‘narcopisos’ nunha operación contra o tráfico de drogas en Vigo

A Policía Nacional informou de que axentes pertencentes á Udyco da Comisaría de Vigo-Redondela...