O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou á Xunta de “pufera” porque non fixo efectivo o pago do primeiro trimestre do Servizo de Atención non Fogar (SAF) co prezo actualizado (16 euros por hora).
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico lamentou que a Xunta “racanea” á hora de pagar a súa achega, e obriga ao Concello a gastar “millóns de euros” para un servizo que debería pagar integramente a administración autonómica. “Está obrigada por lei a pagar íntegro o SAF”, proclamou Caballero.
No canto de achegar eses recursos, engadiu, o goberno galego “segue facendo caixa”, e lembrou que o Goberno de España aprobou unha partida de 270 millóns de euros para Galicia no marco do plan de choque para reforzar a atención á dependencia. “Canto para Vigo? Porque non sabemos a que vai dedicar eses recursos”, denunciou o alcalde, que concluíu que debe ser o Concello o que contribúa a un servizo “que a Xunta non quere atender”.
No mes de xuño, o SAF de Vigo atendeu a 988 persoas, a maioría mulleres de entre 80 e 90 anos de idade. O 58,9 % das persoas usuarias son grandes dependentes, e o 35,8% ten algún tipo de dependencia severa, segundo os datos trasladados por Caballero.
