A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá o próximo martes, 9 de xuño, o xuízo contra dous mozos acusados de agredir e humillar unha persoa sen teito que durmía na contorna do Calvario, na cidade olívica.
O Ministerio Fiscal solicita para cada un dos procesados un ano de prisión e unha multa superior aos mil euros como presuntos autores dun delito contra a dignidade por motivos discriminatorios. Ademais, para un deles reclama tamén unha multa de 360 euros por un delito leve de lesións.
Segundo recolle o escrito da Fiscalía, os feitos producíronse en marzo de 2025, cando a vítima, que carecía de vivenda, se atopaba durmindo nunhas escaleiras da zona do Calvario. O home estaba abrigado no lugar cando os dous acusados, acompañados por outros amigos menores de idade, se achegaron a el.
A acusación pública sostén que os procesados actuaron “guiados pola intención de humillalo e denigralo”. Nese contexto, comezaron a rir da vítima, escupíronlle e lanzáronlle moedas con forza mentres gravaban os feitos con teléfonos móbiles.
Durante o episodio, segundo o relato fiscal, os participantes chegaron a dicir: “aquí só hai yonkis”. A Fiscalía considera que estes feitos encaixan nun comportamento de carácter discriminatorio dirixido contra unha persoa en situación de vulnerabilidade pola súa falta de vivenda.
Nalgún momento, a vítima espertou e tentou facer fronte ao grupo. Foi entón cando os mozos fuxiron do lugar. Porén, un dos acusados regresou cara ao home e, segundo o escrito de acusación, propinoulle dous puñazos na cabeza.
A FISCALÍA RECLAMA INDEMNIZACIÓNS POR DANOS MORAIS
Ademais das penas de prisión e multa, o Ministerio Fiscal solicita que o acusado que supostamente golpeou a vítima indemnice o home con 350 euros polos días de curación derivados das lesións.
A acusación tamén pide que ambos os dous procesados aboen de forma conxunta 2.000 euros en concepto de danos morais causados á persoa agredida. O xuízo celebrarase na Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sección con sede en Vigo.
