InicioCulturaO Colectivo Latente vende 300 fotografías de grandes autores para recadar fondos...

O Colectivo Latente vende 300 fotografías de grandes autores para recadar fondos contra a Fibrose Quística

Cristina Brea e Puri Díaz, do Colectivo Latente, comezaron hai dous meses a preparar esta iniciativa: "É unha boa razón para quitarlle horas ao sono".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Colectivo Latente inaugurou este xoves 13 de decembro ás 20 horas unha mostra de fotografía solidaria na que reuniu a 30 dos mellores fotógrafos e fotógrafas, tanto amateurs como profesionais, do panorama galego e nacional.

A exposición, titulada 30x30x30x30, reúne 30 obras fotográficas de 30×30 cm cada unha e de temática libre, que se venden ao prezo de 30€ sen marco, pero coa posibilidade de comprala enmarcada a 40€, e dispoñendo de 10 copias de cada imaxe a disposición dos compradores.

A particularidade desta exposición, que conta con grandes nomes da fotografía, é que as copias son expostas de maneira anónima, para que o comprador se decida por elas en base ao gusto e non á firma, e non se lle desvelará a autoría ata que se lle entregue a obra co seu correspondente certificado de autenticidade.

Arte solidaria na Sala Apóstrophe/ Miguel Núñez

Dita exposición desenvólvese na Apo’strophe Sala de Arte, nas instalacións do Centro Comercial Praza Elíptica, entre os días 13 e 22 de decembro, e todo o diñeiro recadado, fóra dos gastos de produción, entregaráselle á Asociación Galega de Fibrose Quística.

Contan coa colaboración desinteresada de Copias de Autor, Costas Decor, Reprogalicia, Impresionanta, Marques de Vizhoja e a propia galería Apo’ strophe Sala de Arte.

Arte solidaria na Sala Apóstrophe/ Miguel Núñez

Latente é un colectivo aberto, sen cotas, ao que se pode achegar calquera persoa interesada polo mundo da fotografía con independencia do nivel ou formación que teña.

Desde Xornal de Vigo falamos con Cristina Brea. Ela e Puri Díaz foron as principais encargadas de organizar este mercado solidario. Cristina explícanos por que tomaron a decisión de que as obras non vaian firmadas: “Para que a xente non especule, senón que compre por gusto artístico, a pagas e entón coñeces quen é o autor. Na lista hai noveles que están comezando e probablemente fagan carreira nisto, e xente moi consagrada pola que se está pagando a 1000 euros a imaxe. Xogaron ao despiste, e ata estudosos da fotografía poden equivocarse e non ser quen de recoñecer aos autores”.

Arte solidaria na Sala Apóstrophe/ Miguel Núñez

“Puri e mais eu pasamos horas e horas contactando con xente de todos lados, mesmo explicándolles onde está Vigo no mapa”, subliña: “Ao principio unha das ideas era fotografías 20×20 a 20 euros, pero xa nos parecía ofensivo, porque nos cederon obras que valen moitos máis”.

En canto á elección da Asociación Galega de Fibrose Quística, “queríamos facer algo para unha asociación de aquí, non porque os de fóra non o merezan, senón porque ás veces te decatas da xente que está tan preto e precisa axuda. É unha boa excusa para quitarlle horas ao sono”.

Cristina Brea (esquerda) e mais Puri Díaz (dereita), de negro as dúas/ Miguel Núñez

“Con 4 fotos vendidas xa se cubren os gastos de producción, e se vendemos todas recadaremos 8.000 euros para a asociación“, celebra Cristina: “Esta cidade é moi dura, fría e pouco acostumbrada á cultura, estamos nuns séculos escuros cheos de luces”.

Levan traballando ela e mais Puri dous meses e medio nesta iniciativa. Escolleron o nadal: “É unha boa época para que a xente compre, está máis tenra. Ata o 22, que os ianquis ata niso nos invadiron e nos reis se compra menos”. Cristina é profesora, e nestes días combina correxir exames, axudar ao seu fillo cos seus e asegurarse de que todo vaia ben co proxecto.

“Entre 150 e 200 fotos vendemos seguro”, estima: “Eu como parte da organización non podo comprar, porque sei quen son os autores, non sería loable. Iso si, non podo comprar pero acepto regalos (ri)”.”É unha gran oportunidade para adquirir estas obras, de feito as puxemos así de barato porque en Vigo non hai cultura da compra”, conclúe.

ÚLTIMAS

O’Mega anuncia que 22 de 26 cirurxáns do hospital de Vigo deixarán de facer ‘peonadas’

O'Mega indicou que 22 dos 26 cirurxiáns (o 85%) que realizan actividade voluntaria de...

Armadores piden xa “medidas extraordinarias” ante a subida do combustible: “Xa temos dificultades”

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) solicitou á Secretaría...

G.E.A. Unha historia de auxe, caída e novas posibilidades

O Grupo de Empresas Álvarez (G.E.A.) e a súa marca máis emblemática, Santa Clara,...

Detido en Vigo o último implicado nunha serie de roubos con forza

A Policía Nacional detivo o pasado 26 de febreiro ao último dos individuos implicados...