“Moi contentos e máis ca satisfeitos”. Así se amosaban arredor das 12.00 do mediodía deste martes o equipo de alumnas e alumnos encargados da organización no campus de Vigo dun referendo simbólico sobre a monarquía, unha iniciativa estudantil de carácter estatal que arrancou hai apenas unhas semanas e á que xa se sumaron máis de 20 universidades públicas españolas.
As urnas abriron ás 09.00 da mañá e pasadas as once xa se contabilizara a participación de máis de medio millar de persoas, sobre todo alumnas e alumnos, pero tamén algúns docentes e persoal de administración e servizos.
Instaláronse mesas na Facultade de Filoloxía e Tradución, no Edificio de Ciencias Experimentais, en Ciencias Económicas e Empresariais e na Escola de Enxeñería Industrial, neste caso con dúas urnas, unha no campus e outra na sede cidade.
“De momento estamos moi contentos coa participación, xa que só nas dúas primeiras horas todas as mesas superaron o centenar de votos emitidos e, en canto ás previsións para o resto da xornada, son moi optimistas”, explicou Daniel Valladares, estudante do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible e un dos voceiros da plataforma.
O estudante fixo fincapé en que o principal obxectivo desta iniciativa “totalmente simbólica e organizada de maneira independente polo alumnado” é “amosar as gañas da comunidade universitaria de poder decidir cuestións relevantes que nos afectan a todos e sobre as que, ao igual ca outras xeracións anteriores a nós, nunca puidemos emitir a nosa opinión”.
A chamada á participación inclúe a toda a comunidade universitaria, incluído o persoal docente e investigador e tamén o persoal de administración e servizos, se ben recoñecen que “evidentemente a xente que está máis activa somos os estudantes”.
“Hoxe voto porque considero que é importante amosar a opinión dos universitarios neste tipo de cuestións e creo que se pode certificar o que xa se sabe, que a xuventude é principalmente republicana”, explicou Pablo Álvarez, estudante do dobre grao ADE-Dereito, intres despois de depositar o seu voto na mesa instalada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
“No meu caso veño votar porque me parece interesante, aínda que non sexa vinculante, ter unha primeira votación para ver os resultados. Oxalá se consiga algo, se ben eu son bastante negativa neste sentido e non creo que vaia ser posible”, valoraba ao seu carón a estudante de Administración e Dirección de Empresas Ana Comesaña.
“Cremos que a participación será boa, xa que o estudantado está concienciado de que a monarquía xa non ten cabida como institución e cremos que unha república podería axudar a abrir outros frontes no feito de decidir pola sanidade, pola educación, polas leis feministas…”, salientaron os integrantes da mesa de Ciencias Económicas e Empresariais.
Xunto a Vigo, este martes celebrábanse tamén referendos nas universidades de Barcelona, Pompeu Fabra e Carlos III de Madrid e o próximo mércores día 12 as urnas volverán a Galicia coa celebración do referendo no campus de Ourense, así como nas universidades de Santiago de Compostela e na da Coruña.
Neste senso, o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo emitiu este luns un comunicado no que convidaba a toda a comunidade universitaria a participar nas votacións, tanto en Vigo como en Ourense, “para recoller así o sentir da poboación universitaria acerca da forma de goberno do Estado, a monarquía parlamentaria”, ao que engadiron que “agardamos que os resultados que saian estean apoiados pola forza da representatividade, conseguida grazas a un proceso de votación e reconto transparente e libre de toda dúbida”.
O reconto oficial de votos terá lugar a partir das 22.00 horas na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial e os resultados faranse públicos a través das redes sociais.