InicioSociedadeMelloraría Vigo un servizo de bicicletas públicas coma o que teñen boa...

Melloraría Vigo un servizo de bicicletas públicas coma o que teñen boa parte das grandes cidades?

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Hoxe en día, a maioría das cidades españolas contan cun sistema de bicicletas públicas e Vigo non podía ser menos”. Así iniciaron este venres un equipo de oito alumnos e alumnas da Escola de Enxeñería Industrial e da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a presentación dun proxecto no que formulan a posta en marcha dunha rede de bicicletas eléctricas de uso público na cidade de Vigo.

Fixérono na undécima edición do Congreso de Traballos Colaborativos, unha iniciativa impulsada polos profesores José Luis González Cespón e José Antonio Alonso que leva xa varios anos unindo alumnas e alumnos de distintas escolas e facultades do campus para levar a cabo proxectos conxuntos.

“As bicicletas axudan a reducir tanto a contaminación como o tráfico mellorando a calidade de vida dos cidadáns e, como no caso de Vigo falamos dunha cidade famosa polas súas costas, optamos por que fosen bicicletas eléctricas”, explicou Miguel Moldes, alumno do Grao de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais.

Un intre da presentación do proxecto sobre creación dunha rede de bicicletas eléctricas de uso público en Vigo/ UVigo

O proxecto presentado inclúe o deseño da rede coas súas diferentes estacións de carga que actúan como paradas, a loxística (horarios de uso, taxas, servizos asociados…) e o deseño dunha aplicación móbil que permita a compra de bonos, información en tempo real das paradas e contacto directo co servizo técnico.

“As paradas estarían distribuídas por toda a cidade de forma que a distancia camiñando desde calquera punto ata a parada máis próxima sexa reducida”, explicaron os alumnos durante a presentación, ao que engadiron que nelas poderíase tramitar o aluguer, así como resolver calquera tipo de dúbida que poida xurdir contactando co servizo técnico.

“A idea sería establecer formas de pago anuais, mensuais, semanais ou diarias”, recalcaron, ao que engadiron que o proxecto inclúe tamén un circuíto pechado para o campus.

Inaugurado polo vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manuel Ramos; o director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan Pardo e os dous coordinadores do congreso, a cita tivo lugar nesta ocasión na sede cidade da Escola Enxeñería Industrial e nela participaron máis de 100 alumnas e alumnos.

outros proxectos

En total presentáronse 17 proxectos de moi distintos contidos. Abordáronse, entre outras temáticas, a idea de deseñar un invernadoiro doméstico intelixente, un ximnasio público e gratuíto con produción de enerxía limpa, un hotel-gardería para mascotas, un espazo recreativo público destinado a actividades deportivas no centro urbano, un de espazos deportivos e de ocio saudable para adolescentes, ou outro de aproveitamento en pellets da biomasa procedente da limpeza dos montes.

As aplicacións para móbiles centraron tamén algún dos proxectos. Desde un equipo propúxose crear unha app para a localización e eliminación por drones da avespa velutina e, desde outro, unha con información e concienciación sobre esta especie. Noutro caso lanzaron unha sobre localización de rutas para persoas con mobilidade reducida; outra sobre localización e valoración de pisos de estudantes…

Os traballos que se presentan en cada unha das edicións deste congreso están orientados a ensinar a que os alumnos e alumnas traballen en equipo con xente de perfil profesional diferente ao seu, que é o que lles vai pasar cando abandonen as aulas universitarias.

“Deste modo, teñen que enfrontarse ás principais dificultades deste modo de organización e formular xuntos solucións axeitadas, tendo en conta sempre que sexan viables, tanto desde o punto de vista técnico, como no ámbito social”, explicou José Luis Glez Cespón, que fixo tamén fincapé en que o balance é “extraordinario, normalmente o alumnado chega con moita inquietude pero, a medida que arrancan as presentacións os nervios desaparecen e, ao final, acostuman quedar moi satisfeitos cos resultados acadados”.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...