InicioMovementos SociaisA Asamblea por un Vigo máis Social acusa ao Concello de "deixar...

A Asamblea por un Vigo máis Social acusa ao Concello de “deixar nas sombras” a pobreza da cidade

Desde a Asamblea critican o investimento de Nadal do Concello e esixen "que se priorice a vida, a xustiza social e as necesidades das persoas por riba das banalidades, os adornos e os intereses privados", selaron.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Este venres pola mañá, ao redor dun cento de persoas acudiron á rolda de prensa convocada pola Asemblea por un Vigo máis Social na que presentaban a campaña #AlumeandoAMiseria.

“O Concello de Vigo pretende cegarnos coas súas luces de Nadal”, comezaron o seu manifesto, “para que non vexamos a miseria e o sufrimento que a política social deste Concello provoca na cidadanía. A tal fin, non dubida en gastar case un millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas”.

“As institucións públicas, supostamente creadas e destinadas a garantir unha vida digna para todas, prefiren deixar nas sombras a realidade cotiá, antipática e pouco fotoxénica, ao tempo que constrúen un modelo de cidade “escaparate”, fermosa pero pouco humana, unha sorte de gran parque de atraccións para turistas”, lamentan, “un modelo de cidade, no que só teñen cabida as persoas con capacidade de participar no consumismo de Nadal, mentres as empobrecidas continuamos a ficar excluídas”.

Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.
Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.

“O Concello prefire esa iluminada realidade inventada, de falsa felicidade, onde só contan os intereses privados, a economía de traballos lixo ligados ao turismo e a imaxe de que todo vai moi ben, no que parece ser unha campaña electoral que nunca remata para o equipo de goberno municipal”, defenden.

“A cidade que nós coñecemos é moi distinta”, engade a asamblea: “Na nosa cidade, a real e escura, a non iluminada, as veciñas non reciben axuda debido á suposta insuficiencia de orzamento por parte do Concello, mentres este paga millóns de euros en indemnizacións a grandes empresas privadas, como as concedidas aos aparcadoiros subterráneos ou ao ruinoso auditorio Mar de Vigo, e segue a facer negocio coa política social ao destinar millóns de euros a esas grandes empresas que xestionan os servizos sociais máis básicos”.

“Mentres, non hai cartos nin vontade para combater problemas tan reais como a suba constante dos prezos dos alugueiros e a dificultade de moitas de nós para acceder a unha vivenda digna. Non hai cartos nin vontade para combater a pobreza enerxética e o drama que isto supón para centos de familias”, denuncian

E engaden, ademais, “non hai cartos nin vontade para impedir o peche da oficina de atención ás migrantes nin o recorte de persoal nos Servizos Sociais. A resposta do Concello aos nosos problemas parece ser entón que alimentemos as nosas familias con paquetes multicolores, que combatamos o frío nos pisos, que apenas podemos pagar, con ducias de luces e grilandas, e convertamos en felicitacións de Nadal as facturas impagadas que acumulamos”.

 

Por último, criticaron duramente as inversións de Nadal do Concello: “Non doutra maneira se pode entender que este goberno invista en dous meses un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 139.000 euros de orzamento que destina ao albergue municipal nese mesmo período”.

Ademais, nestes dous meses, serían, segundo os datos da Asamblea, “só 160.000 euros de orzamento para axudas extraordinarias a familias sen recursos, 12.000 para a teleasistencia de persoas maiores, 50.000 euros de axudas para o pagamento de facturas eléctricas”.

Tamén “só 77.000 euros para axudas de emerxencia para alimentos e produtos básicos, 160.000 para axudas de libros, material escolar e comedor, 16.665 euros de axudas á calidade e mellora do emprego da mocidade, 2.000 euros para axudar a mulleres vítimas da violencia machista, 36.250 euros para museos, patrimonio histórico e bibliotecas”.

“Por isto esiximos, un ano máis, que se priorice a vida, a xustiza social e as necesidades das persoas por riba das banalidades, os adornos e os intereses privados“, selaron.

Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.
Luces de Nadal en Vigo / Miguel Núñez.

ÚLTIMAS

Dolores Galovart, maxistrada e exdeputada do PSOE, será a futura Valedora do Cidadán

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que o Valedor do Cidadán, Luís Espada,...

Caballero critica as palabras de Rueda polos atrasos do AVE logo que o PP “condenou” a Vigo a un “atraso perenne”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, feou este martes a Alfonso Rueda que critique...

Ryanair deixa desatendidos pola noite aos viaxeros dun voo Vigo-Madrid que se atrasou 12 horas

Un voo que tiña previsto despegar do aeroporto de Vigo ás 23.30 horas deste...

Acusan ao Concello de Vigo por “demorar” en cumprir a sentenza que anulou a concesión de tres parking

As empresas demandantes que recorreron a adxudicación da concesión administrativa sobre tres aparcadoiros de...