En 2007 só o 9,7% dos divorcios en España terminaba cunha custodia compartida dos fillos menores de idade; en 2012 a porcentaxe era do 14,6%; en 2014 medraba ata o 21,2% e en 2017 esta cifra ascendeu ao 30,2%.
En só unha década esta modalidade de atención aos fillos en caso de divorcio triplicouse, se ben, a opción maioritaria segue sendo a concedida en exclusiva á nai (65%) e só no 4,4% dos caos dos procesos de custodia se outorga ao pai.
Estes foron algún dos datos expostos este xoves na Universidade de Vigo, nunha mesa redonda sobre custodia compartida en España, na que especialistas en Dereito Civil de diferentes universidades fixeron un detallado debuxo de como é a día de hoxe a praxis xudicial con respecto a situación dos menores cando se produce unha ruptura familiar.
Como conclusión xeral, unha e clara: cada caso é único, non hai solucións máxicas, pero ante todo e sobre todo, o mellor réxime de custodia é aquel que máis beneficia e protexe ao menor, eixe fundamental que debe rexer todas as resolucións xudiciais neste sentido.
Participaron no debate a profesora da Universidad Autónoma de Madrid Nieves Moralejo; o profesor da Universidade da Coruña Rafael Colina e a profesora da Universidade de Vigo Helena Martínez Hens.
Eles foron os encargados de lembrar que a custodia compartida, habitual en diferentes países europeos, foi incorporada ao Código Civil español no ano 2005, pero, a diferenza doutros lugares, en España só pode outorgarse cando, polo menos, a pide un dos proxenitores.
Esta é unha cuestión non pouco controvertida e que, de feito, ten dado lugar a certas incongruencias procesuais, no sentido de que son xa numerosas as sentenzas determinando a idoneidade do réxime da custodia compartida, aínda que non fose solicitada por ningún dos proxenitores.
Colina, na mesa redonda, fixo fincapé en que o conflito que ten que haber entre os pais para que impida un réxime de garda e custodia compartida ten que ser moi serio e irreconciliable e afectar negativamente ao interese do neno ou nena.
“De non ser así eu non vexo inconveniencia algunha no réxime de custodia compartida aínda que non o solicitase ningún dos proxenitores”, recalcou o experto, quen non tivo reparos en defender que debería ser o propio xuíz o que a determinase “sempre e cando quedase poderosamente acreditado que esa é a medida máis efectiva para o benestar do menor”.
Desde o punto de vista da profesora Nieves Moralejo o máis importante para que a custodia compartida funcione é que haxa unha fonda relación de respecto mutuo entre os proxenitores. “A colaboración entre ambos vólvese necesaria e imprescindible e, se isto non é así, é cando todo acaba fracasando”, recalcou a experta.
No caso da profesora Martínez Hens, partidaria tamén de dar liberdade ao xuíz para que sexa el o que decida, fixo fincapé na necesidade de atender sempre o “caso concreto”. Segundo defendeu, a custodia compartida non implica “como ás veces se pensa”, un reparto equitativo dos períodos, ou que estes sexan semanais, “aínda que isto acostuma ser o máis útil”.
“Por outra banda, tampouco teñen por que desaparecer con ela a pensión alimenticia e a compensatoria”, recalcou Hens.