InicioPolíticaO BNG trae a Vigo a súa campaña contra a 'estafa eléctrica':...

O BNG trae a Vigo a súa campaña contra a ‘estafa eléctrica’: “A electricidade subiu máis do 30% desde 2010”

PUBLICADO O

Cunha mesa de recollida de sinaturas diante do mercado do Calvario, o BNG puxo en marcha este xoves na cidade de Vigo a campaña que está a desenvolver a nivel galego en contra do “espolio e estafa eléctrica”.

Durante unha hora recolléronse máis de medio millar de sinaturas esixindo unha tarifa eléctrica galega, a supresión dos suplementos territoriais que gravan a factura eléctrica e a redución do IVE que se lle aplica ao subministro eléctrico do 21% ao 4%.

Aliás, na campaña promovida pola formación nacionalista demándase que non se permita o corte do subministro ás persoas que por razóns económicas non poidan pagar e a creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión para “socializar” os rendementos económicos.

“Galiza somos un produtor neto de enerxía, porén, as galegas e os galegos vemos como o recibo eléctrico aumentou o seu custe máis dun 8% no último ano. Desde 2010 a factura dun ben básico como a electricidade subiu máis do 30%”, denunciou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas que participou da recollida de sinaturas.

Acto no Calvario/ BNG

“A enerxía eléctrica é un servizo básico que ademais se xera cos recursos naturais de todo o pobo galego, e por iso a aposta estratéxica do BNG é facer da enerxía un ben público, baixo control público para o colocar en beneficio das galegas e dos galegos e non dun oligopolio privado, que o único que quere é facer negocio e lucrarse e que non ten reparos en deixar sen luz a quen non pode pagala”, acrecentou Igrexas.

O candidato nacionalista vemandou un “aumento substancial das axudas sociais, tanto as axudas de emerxencia como do cheque social”. Neste sentido, lembrou como “arredor de 1.100 viguesas e vigueses quedaron sen recibir ningunha axuda municipal este ano”.

Por outra parte, Igrexas propuxo a creación dunha Oficina municipal de asesoramento enerxético, como instrumento para que Concello de Vigo “se poña do lado da veciñanza fronte os abusos das eléctricas”, ofrecendo asesoramento e apoio, tamén a nivel legal, e orientando á cidadanía para poder beneficiarse de fórmulas que abaraten o seu recibo eléctrico.

A campaña continuará a desenvolverse nas próximas semanas noutros puntos da cidade e da comarca.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

O aeroporto de Peinador suspende a súa actividade este luns ara finais de mes

O aeroporto de Peinador, en Vigo, suspenderá a partir do próximo luns, día 6 de maio,...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...