InicioSociedadeA taxa de criminalidade increméntase no primeiro trimestre un 5,3% en Vigo

A taxa de criminalidade increméntase no primeiro trimestre un 5,3% en Vigo

O subdelegado do Goberno contextualiza que o primeiro sempre é o peor trimestre do ano e lamenta as "visións alarmistas da seguridade en Vigo".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A taxa de criminalidade creceu un 16,4% no primeiro trimestre deste ano na cidade de Pontevedra e un 5,3% na de Vigo, segundo os datos avaliados na Xunta Provincial de Seguridade celebrada este luns na Subdelegación do Goberno. A esta xunta asistiron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o coronel da Garda Civil, Simón Venzal, e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Pérez Piteira.

Segundo comunicou a Subdelegación do Goberno ao final desta reunión, o primeiro trimestre do ano rexistrou un comportamento irregular da criminalidade que se reflicte nas estatísticas. Así, mentres no ámbito urbano, competencia da Policía Nacional, as cifras subiron un 5,8% no conxunto da provincia; no ámbito rural, zona da Garda Civil, produciuse un descenso dun 0,5%, na liña de estabilidade respecto dos últimos anos.

O subdelegado contextualizou este primeiro trimestre, “que case sempre é o peor do ano”, coa “foto real” da provincia, que ten unha taxa de criminalidade de 36 delitos por cada mil habitantes, mentres que no conxunto de España está nun 51 por mil, “polo que podemos dicir que vivimos nunha provincia moi segura”. “Con todo, somos inconformistas e queremos estar moi espertos para actuar sobre calquera sinal de alerta”, engadiu.

VIGO

En canto á Comisaría de Vigo, hai un incremento dun 5,2% ao pasar a cidade olívica de 3.058 delitos a 3.219, en comparación cos primeiros trimestres de 2024 e 2023. O número de detidos é practicamente o mesmo.

O subdelegado do Goberno lamentou que se estean ofrecendo “visións alarmistas da seguridade en Vigo” con motivo dos dous homicidios perpetrados neste primeiro trimestre do ano, dos que “un se explica por un brote psicótico do suposto autor, que padece unha enfermidade mental”. A este respecto, Losada lembrou que o chamado “crime da maleta” produciuse o pasado mes de setembro, “polo que non pode engrosar as estatísticas do primeiro trimestre do ano”.

O subdelegado tamén destacou que todos os homicidios foron esclarecidos. “A realidade é a que se recolle nas estatísticas policiais, nin máis nin menos. E os datos do primeiro trimestre de Vigo son mellores porcentualmente que os doutras comisarías, e no que levamos de abril son aínda mellores”, comentou.

O subdelegado foi informado, ademais, da detención e ingreso en prisión de varias persoas responsables de roubos no interior de vehículos, un apartado que crecera nos últimos meses. Esta circunstancia vai repercutir favorablemente nas próximas estatísticas viguesas, segundo adiantou.

En canto á Comisaría de Vilagarcía, os datos achegados mostran que a delincuencia descendeu un 13,2% no primeiro trimestre do ano, rebaixando o número de delitos desde os 499 aos 433, unha baixada que foi cualificada como “espectacular” por Abel Losada. Tamén en Vilagarcía, abril está a comportarse en moi boa dirección.

SINISTRALIDADE VIARIA

O último apartado abordado na Xunta Provincial de Seguridade foi a accidentalidade nas estradas neste primeiro trimestre. Rexistráronse un total de 8 persoas falecidas (unha máis que no mesmo período do pasado ano).

Volve preocupar o número de usuarios vulnerables, pois destas 8 persoas, 3 eran motoristas e 2 eran peóns polo que xa anunciaron unha próxima campaña de seguridade da Dirección Xeral de Tráfico que vai incidir directamente sobre os motoristas.

ÚLTIMAS

Retómase este martes o macroxuízo contra os 28 acusados polo alixo de 3,8 toneladas de cocaína do Karar

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra retomará o martes o macroxuízo contra os 28 acusados...

Piden prisión e indemnizacións por 178.000 euros para tres empresarios pola caída dun traballador dende un tellado no polígono do Caramuxo

Os responsables de dúas empresas da área de Vigo enfróntanse a penas de prisión...

Feridas dúas persoas tras unha colisión entre tres vehículos na AP-9, en Redondela

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas tras unha colisión entre tres vehículos na AP-9,...

O Concello de Vigo aproba a contratación das obras de mellora do ascensor inclinado de Juan Ramón Jiménez

A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde este venres á contratación...