A entrada do edificio Politécnico do campus da UVigo en Ourense acolle esta semana a mostra Escusas, unha iniciativa de Médicos do Mundo que aborda o fenómeno da prostitución pondo o foco de atención nos argumentos dos demandantes de prostitución para consumir sexo de pago.
A exposición recolle testemuños reais de homes que explican por que compran sexo e mulleres en situación de explotación sexual que expresan o que elas opinan deses homes.
A mostra percorre estas semanas os tres campus da Universidade de Vigo co apoio da Unidade de Igualdade da institución académica e co gallo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata, o 23 de setembro.
“O estado español é o país europeo onde hai máis consumo de sexo comercial, estimándose que cada vez aumenta máis entre os homes máis novos. Esta exposición invita á reflexión sobre por que os mozos acoden a estes espazos prostitucionais, e no caso do alumnado universitario, convídao a utilizar as súas ferramentas de pensamento crítico para analizar este fenómeno”, comenta Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade.
A visión deles e delas
Con fotografías de Fernando Velasco, a mostra está composta por nove paneis cos que se pretende visibilizar “a un dos actores principais do fenómeno da prostitución, explotación sexual e trata de persoas, como é o cliente de prostitución”.
Algunha das “escusas” recollidas nos paneis son que “ligar custa moito traballo e ademais non tes ningunha garantía de éxito. Aquí en cinco ou dez minutos desafógaste e vaste”; “sempre que fun foi en despedidas de solteiro, aniversarios ou cando gana o meu equipo”; “coa mesma te cansas, gústame a variedade, as tes de todo tipo, edad e color”, “eu fun por curiosidade, para probar, e se o grupo vai eu non me vou quedar fóra” ou “vou por negocios, para firmar contratos e gratificar en especie”.
Fronte a estas “escusas”, na exposición faise fincapé en que “o sexo de pago é imposible de conseguir sen a explotación sexual de mulleres e nenas que manteñan esta oferta en cantidade e variedade” e recolle tamén o que pensan as mulleres vítimas da prostitución.
Elas falan de como os seus clientes “pagan por liberar a súa agresividade”; “non nos compran a boca, a vaxina ou as tetas, cómprannos o dereito a humillarnos” ou “non o vivo como un traballo senón como unha violación detrás doutra”.