InicioCulturaEstudantes da UVigo defenden o potencial narrativo dos videoxogos adaptando a novela...

Estudantes da UVigo defenden o potencial narrativo dos videoxogos adaptando a novela Apocalipsis Z

PUBLICADO O

- Advertisement -

Apocalipsis Z, a primeira novela do escritor pontevedrés Manel Loureiro, serve como fonte de inspiración para o traballo de deseño do primeiro nivel dun videoxogo que, ao longo do primeiro cuadrimestre, desenvolverán preto de 30 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Estudantes de cinco materias integran os equipos multidisciplinares que protagonizan a iniciativa que impulsa por segundo ano o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), co propósito de achegar a alumnado de diferentes perfís aos procesos de traballo da industria do videoxogo.

“Poder participar dunha formación divertida como esta é un privilexio ao que non podía dicir que non”, salientou Loureiro, que este mércores coñeceu no campus pontevedrés as ideas de videoxogo inspiradas na súa novela nas que catro equipos de estudantes traballarán nos próximos meses.

Dando continuidade ao proxecto que, coa colaboración da Cátedra Internacional José Saramago da Universidade, levou o pasado curso a estudantes destes dous centros a deseñar videoxogos inspirados no libro “A viaxe do elefante no nobel portugués”, a iniciativa que coordinan os docentes Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e Luis Fernández, de CCSS e da Comunicación; e Antonio Pena e Enrique Costa, da EE de Telecomunicación, ten como propósito “achegar a Universidade á industria, intentando replicar cos vimbios que temos como se traballa nunha empresa”, sinala Legerén.

Cada un dos equipos está integrado por estudantes das cinco materias, que participan nun proxecto formativo que se desenvolve en sesións semanais conxuntas nos campus de Vigo e Pontevedra.

A historia de como unha pandemia converte en zombis á poboación mundial convértese deste xeito no punto de partida dunha serie de traballos que, ao remate do cuadrimestre, deben constituír o primeiro nivel completo dun videoxogo.

Os equipos reúnen alumnado de cinco materias

“Dixémoslle que íamos valorar moito a súa creatividade, co que non sería de estrañar que, aínda que recollan os elementos e o universo de Manel Loureiro, os xogos sexan algo completamente distinto ao que poderíamos imaxinar nun xogo de zombis típico”, salienta Legerén dunha iniciativa que Loureiro define como “unha idea formidable, primeiro porque evidentemente síntome moi feliz de que se escolla un libro meu como modelo de inspiración para un traballo destas características e, por outra parte, porque dáste conta de que existe un enorme caudal de talento dentro da Universidade para ofrecer proxectos interesantes e apaixonantes ao alumnado”.

Ademais de coñecer as propostas de videoxogo do alumnado, o autor de Apocalipsis Z compartiu con este grupo un coloquio sobre“como se constrúen as historias”, no que puxo de relevo o potencial dos videoxogos, como “unha nova fronteira da narrativa, unha nova forma de contar historias, que ten as súas propias regras” e que polo tanto constitúe un “desafío para todos os creadores”.

Desafío ao que este grupo de alumnos e alumnas se enfronta a partires dunha historia “que encaixa dentro dun xénero que xa existe dentro dos videoxogos, que é o survival horror, pero que ao mesmo tempo lles permite achegarse a moitas narrativas distintas, porque ao final todas as historias que se basean na estrutura dun personaxe enfrontado a circunstancias extraordinarias, como é o caso de Apocalipsis Z, que é historia dun home que queda illado na súa casa é ve que como o mundo se derrúe é un caldo de cultivo perfecto para poder estruturar historias”, engadiu o escritor.

Aínda que, como resalta Legerén, os integrantes dos grupos de traballo “poden intervir en todo o proxecto, a idea é que desenvolvan os labores relacionados coas súas aptitudes e coñecementos”.

Así, o alumnado da materia Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, centrarase “no deseño da historia e do concepto e na xestión do proxecto”, mentres que os estudantes de Tecnoloxía multimedia e computer graphics, do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, traballarán na programación e estrutura do videoxogo xunto cos estudantes de Produción audiovisual desta mesma titulación, materia impartida por Luis Fernández que se suma neste curso a esta iniciativa.

Tamén deste grao, o alumnado de Programación de sistemas intelixentes, asumirá a parte relativa á intelixencia artificial, os personaxes non xogadores cos que podes interactuar nunha “experiencia que é un paso máis na complexidade de traballar nun grupo, que, ao ser realmente multidisciplinar, require un esforzo de empatía e comunicación que é vital para a enxeñaría de hoxe”, como salienta Pena.

Así mesmo a cada equipo súmase tamén unha alumna da materia Comunicación alternativa: medios virtuais e novos soportes publicitarios, do grao en Publicidade e RRPP.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...