InicioCulturaEditorial Elvira, ou como converter os libros en obras de arte que...

Editorial Elvira, ou como converter os libros en obras de arte que sobrevivan a Internet

PUBLICADO O

- Advertisement -

A editorial Elvira é unha editorial independente de literatura, centrada na poesía e no libro entendido coma unha peza artística e única. Aseguran coidar ata o máis mínimo detalle, e que cada un dos exemplares que editan é único. A caracola, o símbolo perfecto para eles: “Vigo é mar”.

Xornal de Vigo falamos con Arantxa, unha das persoas a cargo deste proxecto, sobre o seu modelo de negocio, basado en crear algo valioso que non poida reproducirse en serie; sobre o indispensable traballo dun editor e, sobre todo, da arte mesma.

Esta editorial organiza cada ano o certame literario “Relatos na rúa”, cun xulgado de oito membros. Despois crean un libro no que mesturan os contos vencedores. Asegura  sorprenderse tódolos anos polo nivel: “Moitos dos relatos son espectaculares”.

O seu obxectivo é que a obra resultante non sexa lineal, “e quen o lea se sinta identificado cando menos cun relato”. Xa levan 5 edicións. No cartel aparece tódolos anos a panificadora, símbolo da cidade, como o olivo, que teñen ben preto da súa sede e do cal lles chega o seu influxo.

Arantxa coméntanos algúns dos seus gustos literarios: Bruno Schulz, do quen di que escribiu “o Quixote” do centro de Europa, Antón Beiras, de quen editaron a tese que escribiu cando terminou dereito, que trata do “engano social”…

Pero, por riba de todo, Carlos Oroza. A editorial naceu hai 5 anos, e foi el quen lles motivou a creala, o feito de coñecer a este artista. Conservan aínda unha maleta súa. O primeiro libro que editaron foi a súa obra poética.

Por diversas circunstancias, coñeceron a Carlos, e propuxéronse editar a súa obra, algo que el de entrada non aceptaba, posto que estaba en contra de “encarcerar” a súa poesía. “Tiña todo na súa cabeza, e o proceso foi complicado”, recoñece Arantxa.

Tamén publicaron 8 libros de Vigo, cada un dun barrio: Teis, O Castro, Bouzas… Cheos de historias para coñecer a nosa cidade. “Vigo é un pequeno Nova York. Non é unha cidade, é un conxunto de barrios. Eu vivín en Teis e a xente dicía que baixaba a Vigo. En Bouzas pasaba igual”, recorda.

“Que Belén Esteban escriba un libro é imposible”, asegura. Arantxa recoñece que triunfar na literatura, salvo que contes con certo poder mediático, é algo moi complicado aínda con talento… Precísase un chisco de sorte.

“Cal foi o éxito de Cervantes, de Lorca, Van Gogh, de Miguel Hernández, que ademais de pastor de ovellas foi para min un dos maiores poetas de amor? A maioría deles atoparon o recoñecemento despois de mortos”, subliña. Hai que ser realistas.

Cervantes como un gran xenio da literatura, e non só polo Quixote: “As novelas exemplares tamén son unha barbaridade”. De feito, Arantxa asegura que a segunda parte do Quixote non o escribiu el, “ten outro estilo”.

“Os best-sellers fainos moitas veces o nome, algúns volven rendibles calquera libro. Por iso, “grandes obras de autores de prestixio as escribiron “negros” para eles”, subliña. Este termo refírese á contratación de terceiros para a escritura dun libro que se publicita como propio, aproveitando así a marca persoal. “Non temos probas da maioría de casos, mais é algo que se sabe. E, na medicina, quen fai máis, a enfermeira ou o doutor?

“Ter un best seller non é ser o que mellor escribe, senón o que mellor publicidade ten”, resume. Tamén dubida que Camilo José Cela escribira La Colmena, comparándoo co resto da súa obra. Pensa que puido ser obra da súa muller.

A obra editada de Carlos Oroza/ Miguel Núñez

Sobre o modelo económico da editorial, Arantxa recoñece que “é rendible porque somos tres”. Preparan edicións curtas, involucran aos autores, fan presentacións, e practican a venda directa. Pero sobre todo coidan o deseño dos seus produtos, que se distribúen a nivel nacional.

“Non facemos libros, facemos obras de arte. É tan importante a cuberta coma o debuxo. Editamos só de 5 a 7 libros ao ano, porque non somos unha editorial ao uso, tampouco podemos. Hoxe, a tirada dun libro é moi pequena, faise o pouco que se vai vender. A tendencia é que o libro se converta nun obxecto, senón a xente vai ao dixital”, reflexiona.

Deseñan e coidan ao máximo as súas pezas en busca do que Internet bota por terra para moitos sectores: o valor engadido. Teno claro:”O libro non se perderá nunca, pero o concepto de editorial morreu. Non se trata de facer edicións baratas, senón de converter o libro feito en serie nalgo único, intransferible”.

Edicións numeradas, láminas feitas a man, firmas e debuxos orixinais do autor (amósannos un exemplo de Antón Patiño, con caixas personalizadas para cada exemplar, e debuxos orixinais do autor).

A Arantxa encántalle a corrección, traballar nun texto e intentar “melloralo”. Aparece nos créditos, mais o seu obxectivo é que ninguén saiba que o editor existe. Un traballo silandeiro.

E un labor que pode acabar xerando certa “deformación profesional” á hora de ler:“Un cambio nunha coma pode cambiar o sentido da frase. Eu nunca miro un libro unha vez publicado, porque se que vou atopar un erro. Leo outros libros, publicados por outros, e sempre atopo unha errata. Estou lendo A praia dos afogados, un libro marabilloso, e atopo erros…”.

Sobre a corrección, algúns autores dan máis traballiño que outros:“Hai escritores que escriben mellor e outros que cometen incorreccións gravísimas. A Ledicia Costas, por exemplo, moitas veces non hai que cambiarlle nada. Outros autores son moito máis embarullados”.

Arantxa e o resto do equipo da editorial continúan a buscar persoas cun estilo propio, algo se cadra subxectivo: “Para Carlos Oroza, Walt Whitman era o mellor”, recorda. “Un libro, se non choro, para min non vale. Da risa ou da emoción. A beleza é subxectiva, pero hai cousas sorprendentes para todo o mundo, relatos que notas que teñen algo…”

ÚLTIMAS

O BNG esixe a “paralización” da torre dixital de Peinador polos seus “riscos” tras detectarse “fallos técnicos”

O BNG de Vigo demandou a "inmediata paralización" da torre de control dixital de Peinador por...

Un choque entre un coche e un bus urbano en Castrelos deixa 9 feridos trasladados a hospitais

Unha colisión entre un turismo e un bus urbano, rexistrada na mañá deste luns...

Xúlgase á parella acusada de incendiar dous vehículos de Vitrasa

Unha parella será xulgada este mércores, 25 de xuño, na Audiencia Provincial de Pontevedra,...

“Os alumnos galegos non destacan na PAU porque outras CCAA reducen a calidade e a esixencia”, segundo Román Rodríguez

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou este venres que o alumnado galego adoita...