Detida unha banda que levaba unha vintena de roubos en Vigo e Ponteareas

Roubos de Ponteareas/ Garda Civil

A Garda Civil detivo en Vigo a tres persoas, dous homes e unha muller, acusados da comisión dunha vintena de delitos contra o patrimonio cometidos durante o pasado mes de agosto, a maior parte deles, no municipio de Ponteareas.

As investigacións levadas a cabo polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas levaron aos axentes á identificación destas tres persoas, un veciño de Ponteareas e os outros dous afincados en Vigo, que durante o mes de agosto cometerían cinco roubos en distintos establecementos comerciais no casco urbano de Ponteareas e trece furtos ou roubos de efectos en interior de vehículos, ademais dun delito de falsidade documental.

A análise pormenorizada de todos e cada un dos roubos foi determinante para lograr a identificación dos presuntos autores. En todos os casos investigados concretouse a participación de dúas persoas que utilizaban unha motocicleta da mesma marca e modelo;
case sempre eran dous varóns, aínda que algunha vez aparecía en escena unha muller, e para fracturar as portas ou fiestras dos inmobles utilizaban un obxecto contundente que deixaba sempre a mesma marca.

O achado da maza que presuntamente usaron, escondida entre uns arbustos, e a posterior localización de catro motocicletas, que supostamente utilizaran, foron as principais liñas de investigación que levaron ao esclarecemento de todos e cada un dos roubos.

Maza empregada nos roubos de Ponteareas/ Garda Civil

As catro motocicletas recuperadas son da mesma marca e modelo e foran subtraídas en Vigo cerca do domicilio dun dos detidos. Unha localizouse en O Porriño, e noutra das tres que se recuperaron en Ponteareas, ademais de ter falsificada a placa de matrícula, gardaban algúns obxectos relacionados cos roubos.

A raíz das investigacións realizadas, pescudouse que durante a segunda quincena do mes de agosto estas tres persoas estiveran residindo no domicilio do detido de Ponteareas, coincidindo coas datas nas que se cometeron todos os feitos delituosos.

Tamén se concretou que a maior parte dos roubos en establecementos e vehículos cometéronse nas rúas próximas a este domicilio e que os tres se lucraron na mesma medida dos beneficios, con independencia da participación que tiveran.

Aos tres arrestados, que foron detidos como supostos autores de 18 delitos de roubo en distintos establecementos comerciais e vehículos, se lles acusa tamén de pertenza a un grupo criminal e dun delito de falsidade documental, dado que unha das motocicletas recuperadas tiña alterada a placa de matrícula.

As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, onde deberán comparecer os detidos cando sexan citados.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here