Para o BNG de Vigo o resultado do pleno extraordinario de onte mércores, convocado para abordar un asunto de tanta importancia como o grave accidente do Marisquiño, foi “lamentábel”.
“Foi o contrario do que as 467 vítimas, as súas familias e o conxunto das veciñas e dos veciños de Vigo merecemos”, afirmou o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, que xa fixo público que non seguirá no cargo, e compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo deputado no Parlamento galego, Luís Bará.
“Temos que denunciar con claridade que é precisamente a incapacidade duns e doutros de poñer por diante os intereses da cidade, a súa falla de capacidade para cooperar entre institucións, unha das causas que explican o estado de abandono do paseo das Avenidas, do de Bouzas e doutros ámbitos da cidade. A súa incapacidade para poñer Vigo por diante supón, como nos demostrou fatidicamente o accidente do Marisquiño, unha imprudencia temeraria”, aseguraron.
Sobre esa premisa, o BNG anunciou que se dirixirán formalmente ao Goberno municipal, á Autoridade Portuaria e á Xunta de Galiza para exixir que poñan fin ao enfrontamento institucional e insistir, máis unha vez, na proposta de que se poña en marcha unha Mesa do Porto de Vigo que facilite a cooperación entre todas as administracións e os axentes sociais implicados na vida portuaria e na cidade.
Otero reclamou que de maneira inmediata se realice unha auditoría arquitectónica e de seguridade do estado de toda a superficie e instalacións portuarias de acceso público de cara a acordar a súa remodelación.
A negativa do Goberno municipal a investigar as circunstancias do grave accidente producido na última xornada do Marisquiño é para o BNG algo “ofensivo e intolerábel”. “É inaceptábel que se neguen a investigar que fallou para que un espazo público da cidade se viñese abaixo poñendo en perigo a vida de millares de persoas”, reprocharon. Por outra parte tamén cargaron contra a actuación do Partido Popular a quen acusan de practicar un “oportunismo cínico” utilizando esta cuestión para a súa guerra partidista.
En resposta a preguntas dos medios de comunicación presentes na rolda de prensa a respeito de quen encabezará a candidatura do BNG de Vigo para as eleccións municipais do próximo ano, Serafín Otero explicou que a organización local está desenvolver o proceso de configuración de candidaturas con “absoluta normalidade, nun excelente clima interno e atendendo os procedementos e prazos definidos a nivel nacional”.
O anuncio de novas subas nas peaxes da autoestrada AP-9 tamén motivou a reacción do BNG. Luís Bará rexeitou esa medida asegurando que “as obras de ampliación da Ponte de Rande e o propio convenio ao que están vinculadas estas subas recolle que en todo caso estas deberían aplicarse o ano próximo”.
Bará cargou contra os reiterados abusos da concesionaria e cualificou de “burla” a falta de acción do goberno do Estado que considera de “total complicidade coa empresa”.
Diante desta situación o deputado presentou no día de hoxe unha batería de iniciativas no Parlamento galego, propoñendo a revisión e anulación dos convenios subscritos entre Fomento e Audasa en 2011 e 2013, por recoller cláusulas abusivas a favor da concesionaria.