O Concello do Porriño cederá á Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual Aceesca unha parcela anexa á súa Escola Profesional para a implantación dunha planta de compostaxe que permita a autoxestión de residuos do centro.
A finalidade da mesma é poder xestionar todos os residuos producidos pola actividade de xardinaría e restauración que leva a cabo no invernadoiro do centro, converténdoos en materia prima para a produción do mesmo. Isto permitirá reciclar un volume do 25% dos residuos, é dicir, unhas 50 toneladas ao ano.
“Para Aceesca isto suporá, ademais do cumprimento de obxectivos de desenvolvemento sustentable que ten na súa planificación estratéxica, unha xeración de emprego adicional de persoas con discapacidade intelectual e o aforro de custos de produtos“, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Por iso, o goberno local acordou ampliar a actual cesión de 7.685 metros cadrados coa adhesión doutra parcela de máis de 945 metros, que albergará dita planta.
“Debido ao destacable labor que desempeña Aceesca no municipio sempre contará co respaldo do Concello en todas as iniciativas que emprenda na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade”, reivindicou Lorenzo.