A Plataforma pola Protección da serra do Galiñeiro reuniuse en asemblea o pasado 2 de agosto para tratar a problemática da ameaza dunha nova explotación eólica na serra do Galiñeiro.
A través do Concello de Gondomar, tiveran noticias da intención de volver implantar un parque eólico nos cumios da serra. Trátase dunha empresa de capital saudí que xa mostrou o seu interese noutros lugares de Galicia, Alfanar Group, e que vén da man da madrileña Capital Energy dirixida polo xenro de Florentino Pérez, presidente do Real Madrid.
A asemblea decidiu retomar as mobilizacións e seguir na liña de rexeitamento a calquera proxecto que supoña “a destrución dos valores da serra”. Tamén abordou a problemática dos incendios, xa que “dez meses despois dos fatídicos lumes, aínda as Comunidades de Montes seguen paralizadas no seu traballo de restauración por falta de autorización de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia”.
“Non é limpa a enerxía que desposúe da propiedade do territorio aos seus lexítimos donos e llo entrega a multinacionais”
A Plataforma seguirá loitando ante calquera proxecto de agresión tal e como expresou na última manifestación celebrada en Compostela o pasado mes de xuño contra a megaminaría: “Que o monte estea queimado e degradado non pode ser desculpa, nin razón, para facilitar a implantación de proxectos aínda máis agresivos que o lume”.
“Estamos a favor das enerxías renovables sempre que sexan limpas, isto é, que exista unha planificación do sector da enerxía eléctrica no país, non da ocupación de máis e máis territorio sen xestión consciente, sen ter en conta os excedentes de produción que xa hai, sen respectar nin facer unha valoración dos lugares onde se colocan os parques”, aclaran.
Porque, para a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, “non é enerxía limpa a producida por empresas que especulan coas concesións dos polígonos eólicos, que utilizan esas concesións para vender os dereitos sen ser usados e negociar con eles como con calquera outro produto”.
“Non é enerxía limpa a producida por aeroxeradores que non funcionan a tempo total, porque teñen que estar parados ao non haber liñas de evacuación de abondo. Non é limpa a enerxía producida a costa dunha ocupación do territorio que destrúe recursos tan esenciais como a auga, ao abrir pistas e construír cimentacións para cada aeroxerador, non é limpa a enerxía que destrúe recursos tan básicos coma as explotacións madeireiras, gandeiras e doutros produtos que dá o monte. Non é limpa a enerxía que fai desaparecer lugares de interese científico, didáctico e de ocio”, engaden.
“Non é limpa a enerxía que desposúe da propiedade do territorio aos seus lexítimos donos e llo entrega a multinacionais. Non é limpa a enerxía que provén dunha política enerxética que só está ao servizo de intereses espurios”, selan.
A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro defende que esta serra, ademais de contar nun dos seus cumios cunha fortaleza da alta idade media, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) polo Ministerio de Educación no ano 1949, alberga abundante patrimonio arqueolóxico en forma de petróglifos ou mámoas, e é un Lugar de Interese Paisaxístico segundo o Catálogo das Paisaxes de Galicia.
É tamén Lugar de Interés Geológico (LIG) polos altos valores da súa estrutura xeolóxica. Deste xeito, a Comunidade Europea considera “Hábitats de Interese” numerosos lugares da serra nos que se da unha combinación de especies vexetais pouco frecuentes: turbeiras, carrasqueiras de influenza atlántica e outras de ambiente mediterráneo, vexetación asociada á rocha espida ou das covas…
O Galiñeiro posúe tamén varias especies de plantas que son endémicas da península Ibérica, así como certas especies animais que, segundo a Comunidade Europea, son “de Interese Comunitario” (certas castes de morcegos, réptiles e anfibios) e outras especies que denomina a directiva europea “de Protección Estricta” (réptiles e anfibios).
Igualmente, considéranse de alto valor ambiental algunhas aves que aniñan aquí na primavera e outras que pasan o inverno, así como os cabalos do monte, especie que vive salvaxe no noroeste da península Ibérica dende hai miles de anos.
Polo tanto, a devandita plataforma fai un chamamento a todos os grupos políticos de cada un dos concellos que ten territorio na serra para que articulen a protección de Galiñeiro na canle administrativa e política que corresponda.
Así mesmo, apelan a todos os propietarios e propietarias, sexan particulares ou comunais, e por suposto a toda a cidadanía, “para que defendan o que en definitiva é de todos e de todas”.
A eles e elas comunicánlles que a Plataforma “está aberta a quen queira colaborar, e poden poñerse en contacto con nós na web e no correo serradogalinheiro@gmail.com”, para reclamar a protección que a serra “merece e precisa”, para que este monte “poida servirlle de sustento ás vindeiras xeracións e para que no futuro siga a ser lugar de desfrute”.
Por todo isto a Plataforma fará unha mobilización coa celebración da súa VII Andaina este outono, facéndoa coincidir co primeiro aniversario da vaga de lumes de outubro do ano pasado.