As ‘guerreiras’ do Conservas Orbe Rubensa Porriño de balonmán xogarán a vindeira tempada en Europa logo de conseguir os apoios económicos necesarios e certificar a cuarta praza de acceso na competición doméstica. A contrarreloxo e no último suspiro, o presidente do equipo, Abel Estévez, puido conseguir ese patrocinio agardado que permitise aumentar o orzamento, imprescindible, para inscribir ao equipo na European Cup. A primeira vez na súa historia que saírán do Porriño por Europa tras firmar unha “gran temporada”. Conta o presidente que os inicios deste club remóntanse aos 80, cando o por aquel entón “ex-alcalde Barros impulsou a creación dunhas escolas deportivas”. Así en 1987 fundouse o Club Balonmán O Porriño e desde entón foi medrando en todas as categorías e con especial éxito no combinado feminino.
O equipo feminino logrou ascender á División de Honra Feminina na tempada 1996/97 onde se mantivo catro temporada. “Na última etapa, ascendimos xa fai 13 anos e desde entón estamos na máxima categoría, na Liga Guerreras Iberdrola”, expón Abel. Neste sentido, o crecemento do equipo estivo claramente influenciado pola aposta das categorías base, pola canteira xa desde os inicios. Na tempada 1990/91 cando xa comezaron a funcionar as escolas había máis de 2.500 alumnos da zona formando parte disto.
A MELLOR TEMPADA DA SÚA HISTORIA
Con máis de 30 anos de historia, este equipo pode presumir de ter acadado nesta edición 2023/24 a mellor clasificación tanto na liga regular como no playoff. “Acadamos o cuarto posto, que nos deu o pase á competición europea, segundo a segunda vez que se consegue na historia”, comenta o presidente. Naquela primeira oportunidade non foi posible ver ao Porriño competindo en Europa por motivos económicos, pero este ano o conto será diferente. Tamén destaca a clasificación para a fase final da Copa da Raíña que certificou unha “gran tempada para o primeiro equipo”.
Cales son as claves deste éxito? Estévez destaca que foi un grupo moi estable de xogadoras nas que xa se confiou a medio-longo prazo e que deu os seus froitos. De igual forma, a confianza no corpo técnico da man de Ismael Martínez, que xa levaba moitos anos no club e asumiu o reto do primeiro equipo obtendo grandes resultados. A bancada tamén estivo aí en cada compromiso, xa que son un club “moi familiar” e nesta tempada non poden “pedir máis” neste sentido. “Tivemos unha media de asistencia dunhas 1000 ou 1100 persoas en todos os partidos de División de Honra, con picos de 1400 en partidos, como o que se disputou contra o Atlético Guardés”, sinala.
PRESENZA GALEGA NA MÁXIMA CATEGORÍA
En División Honra hai 14 equipos de toda España, con especial presenza de comunidades como Asturias, Canarias, Valencia… Galicia conta con dous representantes, o Porriño e o Atlético Guardés, que quedou en quinta posición na clasificación da liga regular. En División de Honra Ouro está o Carballal que vén de ascender este ano e en Terceira División en Prata Feminina hai cinco equipos galegos, entre eles o filial do Porriño. “Agora mesmo somos unha Liga digamos semiprofesional coa obriga de que as xogadoras teñan todas contrato laboral co primeiro equipo, que normalmente compaxinan con estudos”, afirma o presidente.
Son 14 as xogadoras con ficha no primeiro equipo que de cara á próxima temporada terá maior carga de encontros. Con competición doméstica entre semana e continental para as findes, cos desprazamentos que iso conleva. Xa se pensa nunha posible ampliación en número de xogadoras, pero co filial como primeira alternativa ante a carga de partidos. A European Cup baséase en eliminatorias directas de ida e volta. “O día 16 é o sorteo onde se coñecerá se xogamos a primeira eliminatoria ou non e que rivais teriamos”, comenta.
Todo o éxito acadado tamán se reflectiu en termos de visibilidade e, sendo un deporte minoritario, considera que teñen sorte de que a Federación Española apostase polo proxecto de liga feminina. Así, emítese todas as xornadas un partido por Teledeporte e as do Porriño tiveron cinco encontros en directo nesta tempada. “Cando hai derbi soe botarse pola TVG ou, cando non, por streaming tamén se emiten, a través de Youtube. Así, quen queira seguirnos tería esa facilidade de vernos tanto pola televisión pública como por plataforma gratuita”, manifesta e engade que isto permite chegar cada vez a máis fogares.
Coa cita olímpica á volta da esquina, tamén destaca que o bo facer da lateral dereito, Paulina Pérez, fixo que fose preseleccionada para a lista da Selección. Finalmente, en principio, queda fóra, pero é unha mostra do nivel acadado. “Quedou fóra porque só van 14 xogadores, pero é unha habitual nas concentracións do combinado nacional”, indica.
A CAPITÁ SARAI SANMARTÍN, DESDE OS INICIOS NO MÁIS ALTO
Comezou nisto de casualidade e xa leva 20 anos xogando, Sarai Sanmartín, capitá deste equipo recorda os inicios: “Eu probei moitos deportes e xogaba ao fútbol cando comecei no balonmán por cubrir un espazo que non tiña ocupado. Un día apareceu Abel facendo a captación de rapazas e rapaces no colexio, deu unha clase de Educación Física, propuxo actividades e, como tiña libre ese día da semana, quixen probrar. Tiña eu uns oito ou nove anos, gustoume e así comezou todo”. Do deporte destaca a oportunidade de facer amigas e do divertido que era, así foron medrando e disputando campionatos galegos, de España… “No Porriño traballan moi seriamente o que é a base e eu formei parte da mesma”, afirma Sarai.
É parte da ‘canteira’ e lembra cando o primeiro equipo estaba en Segunda Nacional e loitaban por chegar á División de Honra, o cal lle inspirou a seguir: “Elas conseguiron o ascenso cando eu subía para xuvenís. Entón o primeiro ano de División de Honra para elas coincidiu co meu primeiro ano de xuvenil e, de feito, debutei mesa tempada co primeiro equipo, na súa estrea en División de honra”. Desde aquel entón, o equipo mantívose na máxima categoría e levan xa 13 anos con Sarai á fronte da capitanía. Durante todo este tempo foi compartindo equipo con moitas compañeiras e algunha xa colgou as botas.
Os inicios, recorda, foron duros porque o seu debut foi xusto despois da crise na que estaba o país e o nivel da liga baixara. Moitas das xogadoras internacionais, “case o 90% do equipo nacional” tivo que marchar fóra de España para ter oportunidades”. De aí ata agora, considera que mellorou moitísimo a profesionalidade e a propia liga. “Actualmente todas temos contrato, estamos máis respaldadas. Eu estou formándome para o futuro e compaxínoo co balonmán”, conta.
“O DERBI VÍVESE CUNHA ILUSIÓN DISTINTA”
Desta tempada, recoñece que foi o resultado de vir “facendo as cousas ben” e que acadar a cuarta praza co pase a Europa foi unha alegría para elas, para a xente e para a directiva, que “traballar por dar as condicións que teñen”. Á espera de coñecer os riváis en Europa, Sarai destaca que o derbi galego, contra o Atlético Guardés, é o partido que máis ilusión xera. Na tempada 2024/25 xogarán o 28 de decembro o partido correspondente da primeira volta en A Sangriña e o 19 de abril no Porriño. “Móvese moita xente ao redor e vívese cunha ilusión distinta”, indica a capitá.
Un consello para as xeracións futuras? Agora Sarai é unha referente para as nenas que comezan na aventura do balonmán como naquel momento o eran para ela todas as que loitaban polo ascenso. O seu consello: “Traballar, adestrar día a día con disciplina e seriedade e xogar co afán de pasalo ben facendo algo que che gusta”.