InicioPolíticaO Concello de Mos denuncia a 'perigosidade' da estrada Puxeiros-Peinador e o...

O Concello de Mos denuncia a ‘perigosidade’ da estrada Puxeiros-Peinador e o retraso nas obras

Instan á Deputación a acelerar na execución destes traballos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras mosense, Luis Alonso, veñen de denunciar o retraso nas obras da estrada Puxeiros-Peinador e o estado no que se atopan o firme e a sinalización horizontal do vial.

As obras de mellora desta estrada comezaron en agosto e aínda non se atopan rematadas, “provocando o conseguinte e comprensible malestar veciñal, así coma numerosas queixas por parte da cidadanía mosense“, subliñan desde a alcaldía.

“O estado da estrada provincial 2603 Puxeiros-Peinador, que se atopa en fase de obras executadas pola Deputación Provincial de Pontevedra, como administración titular da mesma, atópase en condicións moi deficientes e a mellora do estado do firme, que se atopaba moi deteriorado, avanza moi lentamente”, lamentan os representantes municipais, Arévalo e Alonso, quenes informaron tamén de que “dende principios do mes de decembro está a estrada asfaltada nun tramo pero sen a sinalización horizontal, e noutros tramos se realizou o fresado sen finalizar o asfaltado, provocando grande inseguridade e perigosidade para os vehículos que por alí transitan, ao tratarse dunha zona de moito tráfico de vehículos”.

Visita á estrada Peinador/ Puxeiros/ Concello de Mos

Por todo elo dende o Concello de Mos ínstase á Deputación Provincial de Pontevedra a que finalice de maneira inmediata os traballos de pintado e asfaltado tendo en conta a situación de inseguridade e perigosidade en que se atopa neste momento a estrada provincial.

Na visita que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado responsable de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, fixeran ás obras o pasado mes de outubro, anunciaban que o remate prevíase para o presente mes de xaneiro, algo inviable visto o actual estado das mesmas.

A actuación que se está a levar a cabo neste vial consiste na rehabilitación integral do firme da estrada, na instalación de sistemas de barreiras de seguridade para motociclistas, elementos de redución da velocidade de tráfico e nova iluminación; así como na renovación do abastecemento de auga e a drenaxe.

A estrada Puxeiros-Peinador rexistra unha alta intensidade de tráfico, sobre todo de vehículos pesados e ten gran capacidade vertebradora dentro do municipio, debido a que conecta o núcleo urbano de Puxeiros co aeroporto, o IFEVI e a zona industrial do Rebullón. O tráfico que soporta é moi elevado debido ao importante número de naves de almacenamento e loxística que utilizan esta vía de acceso. Existían problemas que reducían a seguridade da vía, tales como o mal estado xeral dos pavimentos, a insuficiente iluminación, falta de elementos de contención adaptados a motoristas en curvas perigosas (barreiras de seguridade), sistemas puntuais da drenaxe mal resoltos, beirarrúas con danos puntuais e mal estado da sinalización horizontal e vertical e do abastecemento, con constantes roturas que provocaban danos estruturais ao firme.

As actuacións nas que se centra o proxecto son rehabilitación superficial do firme, mellora da sinalización e dos sistemas de contención, mellora da seguridade viaria mediante a colocación de redutores de velocidade; e actuacións complementarias.

A estrada EP-2603 que une Puxeiros con Peinador pertence á rede de estradas da Deputación de Pontevedra, e discorre dentro do municipio de Mos. O ámbito de actuación do presente proxecto comprende a práctica totalidade da estrada, cunha lonxitude aproximada de 2.759 metros.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...