O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este martes, na súa rolda de prensa diaria, que a Festa da Reconquista é a “romaría urbana máis importante de Galicia”.
Durante a presentación do evento, o rexedor vigués estivo acompañado polo presidente da Asociación Veciñal e Cultural Casco Lanuxe de Vigo, Pepe Fumega; o secretario da asociación, Fiz Ageitos; o portavoz de cultura da entidade, Gerardo Feijóo; e o seu anterior presidente, José Manuel Veiga.
Para Caballero, a Reconquista de Vigo é unha “festa moi singular, con características propias” que supón “unha gran mobilización de tradición e de cultura“.
“É unha gran mobilización lúdica. Ten todo para facer unha gran lembranza, unha celebración para estar todos xuntos, unha dimensión teatral e cultural marabillosa, con actores non profesionais que participan activamente na representación, o que lle dá enorme fortaleza á recreación dos feitos históricos de 1809“, engadiu.
Caballero tamén eloxiou ao deseñador do cartel desta nova edición, o artista Andrés Meijide, ademais de felicitar á organización polo labor que desenvolve para o bo funcionamento da cita.
Pola súa banda, Pepe Fumega agradeceu o apoio do Concello de Vigo, que achega este ano 120.000 euros, o que converte á Administración local no principal patrocinador da festa.
Así mesmo, Fumega manifestou o “orgullo” da Asociación Veciñal e Cultural Casco Lanuxe de Vigo por poder organizar un ano máis esta “cita histórica tan arraigada nos veciños da cidade” e na que colaboran máis de 600 persoas. Ademais, destacou a importancia de que a xente acuda á festa vestida de época.
ACTOS DA RECONQUISTA
Este ano, a Reconquista desenvolverase entre o 25 de marzo e o 2 de abril. O sábado, 25 de marzo, será a representación da invasión dos franceses e a destitución do alcalde, no Berbés.
Xa o xoves, 30 de marzo, se celebrará a ‘Reconquistiña’, en Porta do Sol. O domingo, 2 de abril, será cando a cidade represente a expulsión dos exércitos franceses, tamén con Porta do Sol como escenario.
Desde o vindeiro luns, 23 de xaneiro, ata o 20 de febreiro, poderanse solicitar as autorizacións para os postos de venda da Festa da Reconquista. As bases publicaranse na páxina web da Asociación Veciñal e Cultural Casco Lanuxe de Vigo e na páxina web do Concello de Vigo.