InicioSociedadeAbel Caballero retrasa o apagado das luces ata o 15 polos centos...

Abel Caballero retrasa o apagado das luces ata o 15 polos centos de reservas hoteleiras que se concentran na próxima semana

Así llo pediron os hoteleiros, que cifran para a vindeira fin de semana a ocupación no 85 %.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballeroatrasou unha semana o apagado das luces de Nadal de Vigo ata o domingo 15 de xaneiro, despois de que os hoteleiros da cidade solicitasen ao Concello que pospuxese o fin das festas.

Un día despois de anunciar que as luces se apagarían o vindeiro domingo, día 8 de xaneiro, Caballero cambiou de opinión tras recibir a petición de empresarios do sector do comercio e do turismo da urbe olívica, que aseguraron que había centos de reservas para o fin de semana do 14 e 15 de xaneiro, xa que en anos anteriores as luces mantivéronse ata esas datas.

En rolda de prensa, Abel Caballero subliñou que escoitou esta solicitude dos hoteleiros, que representan uns 30.000 traballadores directos na cidade, sendo “moi receptivo” e “moi sensible” co que expuxeron, polo que decidiu atrasar o apagado unha semana máis.

Caballero reivindicou o “impacto económico indescritible” das luces de Nadal, debido a que permiten a chegada de miles de viaxeiros do resto de Galicia, España e de Portugal. Segundo trasladáronlle os hoteleiros, a ocupación de camas o fin de semana do 15 roldará o 85 %. “Iso significa compras en comercio e economía“, engadiu.

A pesar de que este martes o rexedor sinalou que se apagarían as luces o día 8 para facer un “xesto” de aforro enerxético, agora decide pospor esta medida. Por iso, Caballero subliñou que o goberno local porá en marcha un crédito extraordinario de 1 millón de euros para renovar 2.000 luces da cidade con lámpadas LED. Estas sumaranse ás 3.000 luces que xa se prevía cambiar para aforrar enerxía. O alcalde insistiu en que o consumo eléctrico do Nadal de Vigo é “practicamente cero”.

Do mesmo xeito que se anunciou previamente, o día do apagado levará a cabo un acto ás 20.00 horas en Porta do Sol para despedir o Nadal ata, previsiblemente, o mes de novembro.

RECLAMACIÓN DOS HOTELEIROS

Todo iso no contexto de que a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Zona Náutico de Vigo solicitase este martes ao Concello que ampliase unha semana máis as festas, debido á “alta porcentaxe de reservas” que teñen os establecementos para a semana que vén.

Nun comunicado, mostraron a súa “sorpresa” ante a decisión anunciada de apagar o Nadal o día 8, xa que “carrexaría grandes prexuízos aos sectores turístico e comercial” da cidade, debido a que moitos viaxeiros xa reservaran praza en hoteis porque, en anos anteriores, as luces apagábanse sobre o día 15.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...