O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este luns cambios no seu goberno, para facer unha “adaptación”, e sinalou que a concelleira Elena Espinosa, reforzará o seu labor como coordinadora “a tempo completo” de todo o que ten que ver coa xestión e solicitude de fondos da UE, ademais de asumir as áreas de Emprego e Patrimonio, e deixar a de Seguridade.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico xustificou eses cambios pola gran cantidade de proxectos que o Concello ten en marcha e que optan a financiamento no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia, para lograr fondos Next Generation da UE.
Así, aínda que xa en abril pasado anunciara que Elena Espinosa se encargaría da xestión deses fondos europeos (deixando entón a área de Persoal), xunto co ámbito de Economía e Empresas, nesta ocasión, explicou, deberá asumir “non só a coordinación” das axudas europeas, senón todo o que ten que ver coa solicitude, xustificación e liquidación deses fondos (un labor que agora fai en gran medida a concellaría de Fomento, encargada das obras na cidade).
CAMBIOS
Ademais, a exministra asumirá tamén a concellaría de Patrimonio (ata agora en mans de Patricia Rodríguez Calviño) e a de Emprego (que ata agora ostentaba Abel Losada). Por outra banda, segundo informou Abel Caballero, Elena Espinosa deixará de ser concelleira de Seguridade, unha área que pasará a Patricia Rodríguez, que xa a pasada primavera asumiu Persoal.
Preguntado polos medios acerca de se o cambio na área de Seguridade ten relación coas denuncias dos bombeiros sobre a falta de persoal e a “nula vontade” de negociación do goberno local, o alcalde foi tallante: “Nada que ver con iso, eu non sei de ningunha dificultade en bombeiros”.
MAREA E PP
Os grupos municipais do PP e Marea de Vigo atribuíron a decisión do alcalde, Abel Caballero, de retirarlle a Elena Espinosa as responsabilidades na área de Seguridade á “nefasta” xestión da exministra nese departamento.
Así, o portavoz do grupo ‘popular’, Alfonso Marnotes, lembrou que xa en abril de 2021 o rexedor “quitoulle Persoal” a Elena Espinosa e anunciou que asumiría Economía e Empresas precisamente para xestionar os fondos da UE.
Este luns, tras o anuncio do alcalde de que a exministra se centrará na coordinación, solicitudes, xustificación e liquidación de proxectos financiados con fondos Next Generation (ademais de encargarse tamén da área de Emprego, que ata agora dirixía Abel Losada), Alfonso Marnotes matizou que esa responsabilidade “xa a tiña, o que pasa é que non fixo nada”.
“Agora quítanlle Seguridade. A ‘superconcelleira’ de Abel Caballero perde competencias importantes”, sinalou o edil do PP, que lamentou a “traxectoria de inactividade e incompetencia” de Elena Espinosa nese ámbito.
Finalmente, tamén cuestionou o labor de Abel Losada á fronte de Emprego, e apuntou que, o feito de que Espinosa asuma agora esa área non servirá para que “remonte”, senón que “a vai a enterrar”.
Mentres, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou que, nos últimos anos, a concellaría de Seguridade estivo rodeada de “polémica” pola falta de vontade do goberno local para “abordar as verdadeiras problemáticas” do departamento.
Con respecto a Espinosa e o seu predecesor, Carlos López Font, criticou a súa “nefasta xestión”, e a súa actitude “moi belixerante” contra as “xustas reivindicacións” de colectivos como Policía Local e Bombeiros.
Con todo, Rubén Pérez admitiu a necesidade de que un concelleiro se faga cargo a tempo completo da xestión de proxectos financiables con fondos UE e apuntou que o goberno local de Vigo, do mesmo xeito que ocorre con outras cidades, “ten un problema gordo” porque non pode captar todos os fondos aos que podería optar.