InicioMedio Ambiente e PatrimonioA Audiencia desestima o recurso dos comuneiros de Cabral pola propiedade dunha...

A Audiencia desestima o recurso dos comuneiros de Cabral pola propiedade dunha vivenda

A xustiza valida a sentenza previa que nega que a parcela en Cotorredondo fose monte veciñal dende "tempo inmemorial" e cuestiona que o presidente da comunidade demandara sen permiso da asemblea.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, desestimou un recurso interposto pola Comunidade de Montes de Cabral, nun intento por facerse cunha leira e unha vivenda no monte de Cotorredondo, na zona de Peinador, e validou a sentenza emitida polo xulgado de primeira instancia 8 da cidade olívica. Nesa primeira instancia, o xulgado rexeitou esa pretensión ao non considerar probado, como sostiñan os comuneiros, que esa parcela fose monte comunal “por habela vindo posuíndo como parte integrante e inseparable do monte veciñal desde tempo inmemorial”.

Respecto diso, sinalou que non coinciden os lindes e os mapas achegados, e cuestionou a validade dalgunha da documentación presentada ao dubidar da súa autenticidade. Por tanto, o xulgado e agora tamén a Audiencia, concluíron que ese terreo, do que é titular a mercantil Icosa Dourada, “non só non está clasificado senón que nin sequera pertence á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común” de Cabral. Por outra banda, a sentenza tamén cuestiona o modo de actuar do presidente dos comuneiros, Luís Rodríguez, que interpuxo a demanda tres anos antes de contar coa autorización da asemblea da Comunidade.

A Plataforma Galega de Afectados polas Comunidades de Montes celebrou esta resolución, e lembrou que con esta sentenza os comuneiros de Cabral acumulan xa varios fallos na súa contra. Así, nos últimos meses houbo sentenzas relativas á propiedade de catro empresas na zona do Gorxa, unha leira con vivenda na contorna do Ifevi, un terreo no Gorxal cunha nave, ou outro terreo con catro vivendas preto de Peinador. Para reclamar a titularidade desas leiras, a Comunidade de Montes esgrime sempre que o monte lles pertence desde “tempo inmemorial” e que esa posesión quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX, dos que só se conservan cadernos e planos, pero non consta a aprobación final.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...