O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, para profundar na alianza entre ambas as administracións con dous novos puntos crave no horizonte: o “completo respaldo” do goberno provincial á instalación na cidade de Ourense da sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia) e a activación a curto prazo dunha cátedra para o desenvolvemento sustentable do rural de Ourense.
Segundo detallou a Deputación nun comunicado, a concesión da axencia estatal traería consigo “ata un centenar de postos de traballo”. Ademais, a institución provincial destacou a “idoneidade” desta candidatura debido ao tamaño de cidade buscado polo Goberno central para este tipo de descentralizacións, o nivel da Universidade de Vigo e a súa alianza coas administracións públicas, ademais de “contar coas infraestruturas necesarias”, así como “a posibilidade de activar sinerxías cos estudos de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial e co Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia”.
En canto á cátedra para o desenvolvemento sustentable do rural ourensán, a Deputación explicou que este centro de investigación pretende perfilarse cun “equipo multidisciplinar” situando como base un pobo, avanzando nunha iniciativa modelo para o desenvolvemento do rural que se convertería no paso previo á solicitude dun Centro de Innovación Territorial.
Sobre isto, concretou que o proxecto desenvolverá diversas parcelas de experimentación, abrirase á participación da Facultade de Ciencias e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do Campus, ademais de traballar con claves como a dixitalización, a sustentabilidade enerxética ou fomento do emprendimiento no rural.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Nunha nota de prensa, Baltar avanzou que o goberno provincial promoverá unha declaración institucional para que a capital ourensá sexa a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, unha cuestión que, asegurou, “importa moito”.
Así mesmo, explicou que xunto á Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança porán en marcha en 2023 a cátedra para o desenvolvemento sustentable do rural co obxectivo de conseguir que a provincia acolla o Centro Innovación Territorial. “Será un proxecto transfronteirizo que traerá importantes beneficios para o territorio”, remarcou Manuel Baltar.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa agradeceu o “completo apoio” e a “receptividade” que teñen os proxectos da institución na Deputación e valorou a Aesia e o Centro de Innovación Territorial como dúas actividades que “poden ser moi importantes para a provincia”.
Ademais, o reitor reivindicou “o traballo realizado xunto á Deputación no rural, no reto demográfico e na mellora da calidade dos servizos públicos para a cidadanía” como un “marco de apoio” para o centro de investigación e o “case probable” centro de innovación territorial que, insistiu, “serán moi positivos para Ourense”.