O Bispado de Tui-Vigo emitiu este martes un comunicado no que aclara que o Dereito Canónico establece as condicións que deben ter os padriños e madriñas de bautismo e que, se non hai máis remedio, o párroco ou sacerdote debe decidir se se cumpren eses requisitos, entre os que están que os padriños sexan católicos e leven “unha vida congruente coa fe”.
Esta aclaración supón un respaldo de facto ao sacerdote das Neves que, o pasado fin de semana, negouse a oficiar un bautismo porque a madriña elixida polos pais convive coa súa parella sen estar casada pola igrexa, tal e como publicou La Voz de Galicia. Dáse a circunstancia de que este mesmo párroco tivo un desencontro hai unhas semanas coa veciñanza das Neves, ao prohibir a tradicional procesión de cadaleitos en Ribarteme.
Ante a noticia de que o cura decidira non bautizar unha nena alegando que a madriña vive cun home sen estar casados, o Bispado de Tui-Vigo lembrou que, entre outras consideracións, o Código do Dereito Canónico recolle que os padriños e madriñas se institúen como “guías do novo bautizado”, polo que “teñen que velar coa palabra e o exemplo” polo seu “crecemento espiritual”.
Entre as condicións que deben cumprir, teñen que levar unha vida “congruente coa fe” e, segundo os “especialistas en vida pastoral e dereito”, non se debe admitir “en absoluto” a unha persoa “non católica”. Cabe lembrar que o desencontro non foi polo feito de que a madriña non fose católica, se non por non estar casada e convivir coa súa parella. Así, os pais teñen que elixir as persoas “adecuadas”, “apartándose de só conveniencias sociais”, para “evitar conflitos innecesarios”. Sinala o comunicado.
REXEITAR A QUEN POIDA “CAUSAR ESCÁNDALO”
O párroco debe aterse a esas normas e “ten a obrigación de rexeitar ás persoas que non cumpran o previsto”. “Ningún pai se debe estrañar se o párroco rexeita un padriño que leva un estilo de vida incompatible cos ensinos da Igrexa católica, pois é obrigación do párroco actuar así”, expón o Bispado.
Respecto diso, subliña que o sacerdote debe actuar “coa necesaria fortaleza” para rexeitar un padriño ou madriña “que podería causar escándalo entre os fieis” porque o feito de que determinadas condutas “públicas e inmorais” estean “moi estendidas” non fai que poida admitirse a esas persoas.