A fragata rusa Shtandart, de 34,5 metros de eslora por 6,9 metros de manga, chegará previsiblemente ao seu destino, o Porto de Vigo, entre o próximo 20 e 22 de xullo. Faino tras conseguir sortear o quinto paquete de sancións da Unión Europea a Rusia debido á guerra ucraína, no que se prohíbe a entrada de buques rusos en portos europeos, a excepto de casos moi contados.
A raíz desta noticia, a Asociación de Ucranianos en Galicia-Girasol vén de elaborar unha carta, firmada conxuntamente por 17 asociacións ucraínas do Estado español, onde se pide a “aplicación efectiva do quinto paquete de sancións europeas que prohíbe a entrada de barcos rusos nos portos da UE”. A esta demanda, que foi trasladada a sete autoridades en Vigo e Galicia, sumáronse xa diferentes personalidades e asociacións do Estado español, Ucraína, Francia e Bélxica.
Con destino á presidencia da Xunta, consellería do Mar, Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo, Portos de Galicia, Autoridade Portuaria de Vigo e ao capitán marítimo de Vigo, nesta misiva recóllese a “preocupación e inquietude” das organizacións ucraínas firmantes, que preguntan “quen firmou a autorización para a entrada en augas de Galicia e España, violando as sancións europeas”.
“Baixo a mesma bandeira que o capitán desta fragata enarbora estanse cometendo actualmente verdadeiras atrocidades contra a poboación ucraína (xenocidio, violacións, execucións, asasinatos, saqueos, matanzas e a destrución total de cidades enteiras)”, explica a Asociación na carta. Por iso, esixen que esta fragata teña “prohibida” a súa entrada nos portos de Galicia.