A Xunta de Galicia confirmou este mércores que xa non poderá pór en funcionamento a nova estación de autobuses de Vigo o próximo 1 de agosto, tal e como planificara, ao non contar coa confirmación oficial por parte do Concello sobre a finalización das obras dos accesos á terminal ou a autorización necesaria do Ministerio de Transporte.
Nun comunicado remitido aos medios, a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias, sinalou que a administración autonómica vese na obrigación de atrasar a apertura da terminal unha vez que se superou o prazo dado ao Concello olívico sen que este presentase a documentación necesaria que acredite a finalización dos accesos e o permiso do Ministerio, para poder pola en funcionamento o 1 de agosto, tal e como previra.
A Xunta anunciou hai varios días a súa intención de abrir a nova estación de buses nesa data, e solicitou ao Concello de Vigo que, antes do 4 de xullo, achegase a documentación para acreditar que os accesos estaban terminados e que contaba co permiso do Ministerio. Dese modo, a administración galega tería un mes para organizar o traslado de liñas e frecuencias desde a terminal da Avenida de Madrid, e informar os usuarios.
Fernández-Tapias lamentou que o goberno local non achegou esa documentación e, sen esa confirmación, a Xunta “non pode activar os traballos para o trasladado da actividade” da estación de buses.
A Xunta pediu “responsabilidade” á administracióin municipal e concreción nas datas e achega de documentos, “para evitar maior confusión aos usuarios, que deben dispor de toda a información sobre o cambio dos servizos de estación co tempo suficiente”.
Este xoves está prevista unha reunión da comisión de seguimento do convenio que ampara as obras do complexo intermodal de Urzáiz, e a Xunta pedirá “certezas” ao Concello. Respecto diso, lembrou que a administración galega “cumpriu o seu compromiso cos vigueses”, ao ter finalizados os traballos da nova estación o pasado 10 de xuño, tras un investimento de 18 millóns de euros, e quere “pola ao servizo dos cidadáns canto antes”.
RESPOSTA DO CONCELLO
O Concello de Vigo saíu ao paso destas manifestacións reiterando, a través dun comunicado, que os accesos á estación de autobuses estarán listos o 31 de xullo, tal e como anunciou hai uns días o propio alcalde, Abel Caballero.
“Nesa data a estación poderá ser usada e a disposición da cidade, que é o que pediron e aseguramos. En consecuencia, a demanda ao Concello está cuberta“, reza ese comunicado, que asina o portavoz do grupo municipal socialista, Carlos López Font.
En todo caso, precisou que a autorización do Ministerio de Transportes debe ser tramitada pola Xunta de Galicia e non pola administración municipal, e incidiu en que a delegada do goberno galego “oculta que a Xunta non sabe, a estas alturas, como vai realizar o traslado dunha estación a outra”.
Respecto diso, aseverou que aínda non comunicou ao Concello a operativa dese traslado, e que non solicitou os permisos das rutas de entrada á cidade. “É todo unha gran mentira da señora Tapias, xa que nin sequera comezaron os trámites legais para poder abrila”, recalcou López Font.
Por outra banda, denunciou que o pasado luns se celebrou unha reunión entre o Concello, o Ministerio de Transportes e Audasa para abordar as autorizacións e proceder á apertura dos accesos por fases, “e a Xunta de Galicia negouse a asistir” a pesar de ser a súa “obrigación”. “É evidente que non están en condicións de abrir a estación de autobuses”, resolveu o portavoz socialista.