O grupo municipal Marea de Vigo alertou este martes sobre un previsible descenso no padrón da cidade ante os prezos “inasumibles” dos alugueres e o aumento “exponencial” de pisos turísticos.
Nunha rolda de prensa, o portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, sinalou que Galicia vive un ‘boom’ de aluguer de vivendas para uso turístico, e que tamén a cidade de Vigo experimentou un crecemento moi notable nesta oferta de aloxamento.
Segundo apuntou, a afluencia turística á cidade olívica aumentou nos últimos anos, aínda que segue sendo unha actividade moi estacionalizada, e concentrada nos meses de verán e Nadal, ou esporadicamente, fóra desas datas se se celebra algún evento como Conxemar. Isto fai que non sexa rendible a apertura de hoteis e empezaron a proliferar particulares ou pequenas empresas propietarias de vivendas que as destinan a uso turístico, en moitas ocasións sen estar rexistradas ou reguladas.
Rubén Pérez sinalou que actualmente hai 743 pisos turísticos rexistrados en Vigo, unha cifra que crece cada ano, aos que hai que sumar as vivendas vacacionais non rexistradas e as prazas en aparthoteles. O resultado é, subliñou, que “hai máis prazas de aluguer vacacional que de hoteis”.
PERDA DE POBOACIÓN
Nese escenario, o portavoz de Marea de Vigo alertou sobre a gran cantidade de veciñanza que se dirixiu a este grupo para denunciar que, ou ben non conseguen alugar unha vivenda a prezo alcanzable, ou ben ven os seus contratos rescindidos ou non renovados “coa escusa de que os donos van aloxar a algún familiar”, e esas vivendas acaban como pisos turísticos.
“Imos perder poboación en Vigo. Está a darse a treboada perfecta para que as familias abandonen a cidade”, advertiu Pérez Correa, que instou á Xunta a levar a cabo unha “inspección permanente” das vivendas vacacionais e a sancionar aquelas que incumpran a normativa.
Así mesmo, pediu ao Concello olívico que, se é necesario, modifique a ordenanza de Actividades Económicas para regular a proliferación deste tipo de negocios. Finalmente, urxiu ás administracións a impulsar a oferta de vivenda públicas e o réxime de aluguer con opción de compra, ante os prezos “prohibitivos” do aluguer libre e co horizonte dunha subida de tipos que dificultará aínda máis a compra de vivendas.